Acusa ao goberno galego de “buscar titulares pero non a efectividade” dunhas axudas insuficientes e “mal plantexadas”
A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe o fracaso da convocatoria de Bonos Remuda do goberno galego para impulsar o relevo xeracional nos comercios locais. Méndez presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que sinalou que as apenas 32 solicitudes de axudas recibidas dende maio, e que admitiu hoxe o conselleiro de Emprego e Comercio, amosan que o programa está “mal plantexado”.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “buscar titulares pero non a efectividade” dunhas axudas que ademais resultan insuficientes, con apenas millón e medio de euros, a repartir un millón entre os 200 concellos de menos de 5.000 habitantes e os 500.000 euros restantes para 113 concellos restantes.
Criticou que o Executivo autonómico prefira presentar iniciativas “sen falar co sector” para “facer que se fai”, pero que demostran que “algo falla” cando os interesados non dan o paso de solicitar as axudas. Advirte que “a realidade non acorda coa filosofía da propia orde”, que debera servir para encetar o “relevo xeracional” nuns comercios que funcionan como auténticos “centros de convivencia” e permiten a cohesión social.