Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10 hectáreas beneficia particularmente a Galicia
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, dixo hoxe que a nova reforma da PAC aprobada onte no Parlamento Europeo representa unha “oportunidade” para os agricultores galegos. Subliñou que a Delegación Socialista Española no Europarlamento apoiou o texto para que a flexibilización da normativa entre en vigor con tempo para incorporarse ás solicitudes desta campaña.
Negou que esta revisión específica supoña suprimir a ambición medioambiental da nova PAC, senón que mantén o equilibro entre a transición a unha agricultura máis sostible e o incremento da flexibilidade que requiren os agricultores dos estados membros. Sinalou que beneficia particularmente a Galicia porque a maioría deles verán reducidas as esixencias ás que estaban sostidos e que “non tiñan moito sentido polo tamaño das explotacións”.
Coa nova redacción, os agricultores con explotacións inferiores ás 10 hectáreas quedan eximidos dos controis e sancións relacionados co cumprimento da condicionalidade, o que reduce significativamente a carga administrativa para os pequenos agricultores, que na UE son o 65 por cento dos beneficiarios da PAC e en todo o Estado suman 345.000 propietarios.
Resumiu que a reforma simplifica os trámites administrativos e algunhas ambicións ecolóxicas, como as necesidades de barbecho. Ademais, sinalou, as modificacións poderán ampliarse ata o ano 2027, concedéndolle continuidade para que os agricultores saiban que “non vai ser algo temporal, senón que se vai estender durante todo o período da PAC”.