O secretario de Organización dos socialistas galegos apunta en Valencia que “saímos ao campo de xogo cunha gran alineación, o PSdeG é a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas de Galicia”
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, dixo hoxe que o PSdeG preséntase ás eleccións municipais “co equipo titular para gobernar para a maioría social de Galicia”. Así o dixo dende a Convención Municipal do PSOE que se celebra esta fin de semana en Valencia e na que participou unha ampla delegación do PSdeG.
Lage Tuñas apunta que “saímos ao campo de xogo cunha gran alineación, o PSdeG é a mellor garantía de progreso para as cidades e vilas de Galicia”. Destacou o “gran plantel” que presentan aos comicios locais do 28-M, que “aúnan experiencia, xuventude e feminismo” nas candidaturas.
Sinalou que “só o PSdeG pode presentar unha alineación con xogadores do nivel de Abel Caballero, Inés Rey ou Lara Méndez, e así ata máis de 300 candidatos e candidatas que ningún outro partido pode sacar ao campo de xogo”. Dixo que “o PSdeG vai presentar un programa electoral para os vindeiros catro anos concello a concello, facendo da economía, o emprego e as políticas sociais un dos eixos claves da nosa acción política”.
O responsable socialista destacou que, xunto á economía, os socialistas centrarán os seus esforzos en seguir construíndo cidades e pobos pensados “para vivir, desenvolvendo políticas de igualdade que poñan ás familias no centro da acción política para que as atopen espazos de conciliación e convivencia”.
O terceiro eixo, explicou, serán as políticas saudables, onde o medio ambiente sexa un “vector transversal de toda a acción política pensando en transformar cidades e pobos en espazos de convivencia pensando sempre nas persoas”.
“RUEDA ESTÁ EN FÓRA DE XOGO, SEN PROXECTO E SEN RUMBO”
O secretario de Organización do PSdeG non deixou pasar a ocasión de destacar a “pasividade” do goberno galego diante de asuntos de interese xeral para Galicia, e advertiu que “Rueda está máis pendente do que di ou fai Feijóo que dos problemas dos galegos e galegas”. Lage ve a Alfonso Rueda “en fora de xogo” no día a día e “carente de proxecto para Galicia”.
Advertiu que “o PP dende a Xunta non ten respostas aos grandes problemas de Galicia, Rueda e os seus conselleiros limítase a actuar como unha xestoría que abre só en horario de mañá”.
Rematou dicindo que “a única alternativa progresista viable para cambiar Galicia pasa polas boas políticas municipais que facemos os socialistas, que son un bo botón de mostra do que os socialistas podemos ofrecerlle ao noso país”.