Lage Tuñas sinala que Feijóo e Rueda “débenlle unha explicación aos galegos e ás galegas” da “desaparición” do 40 por cento dos fondos enviados polo Estado para o reforzo da sanidade en 2020
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2022. O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, anunciou hoxe que os socialistas reclamarán dende o Parlamento a investigación do desvío por parte da Xunta de 159 millóns de euros supostamente destinados ao reforzo da sanidade pública en plena pandemia. Lage Tuñas aludiu hoxe ao último informe do Consello de Contas que revela o desvío destes fondos a fins aínda descoñecidos.
O responsable socialista sinalou que tanto o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o actual e daquela vicepresidente Alfonso Rueda “débenlle unha explicación aos galegos e ás galegas” pola súa xestión das achegas do goberno. O Executivo, sinala, enviou en 2020 un total de 418 millóns de euros en tres tramos para o reforzo da sanidade e dos que, conclúe Contas, o goberno galego detraeu 159 para destinalos a fins descoñecidos.
Preguntou se “é razoable que en plena pandemia, nunha situación de angustia e mentres pedíamos o reforzo da sanidade pública, o goberno galego desviaran 4 de cada 6 euros enviados polo Estado para a loita contra a covid?”. Emprazou á Xunta a dar conta destes datos “demoledores” revelados polo Consello de Contas que, como mínimo “indica que non hai fiscalización nin control de boa parte dos gastos do Sergas”.
Resumiu que “o PSdeG vai pedir que o Parlamento de Galicia abra unha investigación para que tódolos galegos e galegas poidan coñecer o que fixo o goberno do PP cos fondos transferidos polo Estado para a sanidade e para loitar contra a covid-19”. Dixo que “Rueda xa está tardando en explicar o que pasou con estes fondos” e, dixo, dar conta do “marrón” que lles deixou Alberto Núñez Feijóo.
Criticou que o actual líder do PP vaia “dando leccións por España”, cando “ten que empezar do que fixo cos fondos dedicados á sanidade”, que o PP está a converter nun “burato negro” en Galicia, onde “deixan aos centros de saúde sen médicos mentres destinan os fondos a outros fins opacos”.
Lage Tuñas lamentou, logo de coñecer estes datos, “despois preguntamos por que faltan médicas e médicos, e por que Galicia ten en 2022 979 profesionais sanitarios menos en Atención Primaria que en 2009”. Advertiu que “toda Galicia está sufrindo a nefasta xestión do PP na sanidade”, ata o punto de que “esta mesma semana no Centro de Saúde de Viveiro, onde tiña que haber 10 médicos só había 2 traballando”, e en A Coruña hai esperas de 13 días para Atención Primaria.
A falla de médicos e de persoal sanitario, engadiu, “é unha constante no país, dunha punta á outra, dende A Guarda, pasando por Vilagarcía ou Sanxenxo, ata a montaña de Lugo, e algo que sucede tamén na comarca de Valdeorras e tamén no concello de Barreiros”.