O secretario de organización do PSdeG sinala que os e as socialistas galegos xa están centrados no proxecto “ilusionante” de Besteiro para darlle “esperanza e futuro” a Galicia
Critica que Rueda actúe como un “subalterno de Feijóo” e “non como presidente de Galicia” e alente “co seu silencio” os ataques ás sedes do PSOE
O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, advertiu este domingo ao PP que “a maior manifestación da cidadanía foi o 23 de xullo” cando dixeron non e aun goberno dos populares con Vox. Así mesmo, pediulle a Feijóo que abandone a súa actitude “trumpista” e acepte dunha vez o resultado das urnas.
O responsable de organización dos socialistas galegos reaccionou ás manifestacións celebradas este domingo polo PP en distintas cidades de España e de Galicia contra a conformación dun goberno encabezado por Pedro Sánchez. Lage Tuñas afirma que, loxicamente, o seu partido respecta o dereito a manifestarse libremente, pero advertiu ao PP de que os electores xa falaron o pasado 23 de xullo cando deixaron ao PP e á extrema dereita sen a posibilidade numérica de chegar ao goberno.
Para Lage, estamos ante unha “pataleta” de Feijóo, que segue sen recoñecer o resultado das eleccións e que “intenta gañar na rúa o que non gañou nas urnas”. Con respecto a Rueda, lamentou que actúe como un mero “subalterno” do propio Feijóo e “non como un presidente de Galicia”. Acusou tamén aos populares de alentar os ataques violentos contra as sedes do PSOE con seu silencio durante esta última semana.
“UN TEMPO NOVO PARA GALICIA”
O secretario de organización do PSdeG destacou que os socialistas xa están “na seguinte pantalla”, pensando en como “seguir mellorando a vida da xente dende o goberno de España”, pero, sobre todo, sinalou que xa están centrados no proxecto “ilusionante liderado por Besteiro que abra un tempo novo para Galicia”.
Considera que nesta nova etapa, Galicia contará “cun presidente que recupere o orgullo de país, que goberne por e para todas, que nos saque da parálise á que nos ten sometidos o PP e que lle dea esperanza e futuro a Galicia” da man do socialista Besteiro.