O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que reforce a Atención Primaria incrementando o número de profesionais e garantindo a estabilidade laboral para mellorar a calidade asistencial. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria en Comisión parlamentaria para dar conta das deliberacións do Consello Técnico de Atención Primaria.
O parlamentario socialista agradeceu ironicamente a sinceridade da directora xeral, que hoxe recoñeceu literalmente o “modelo esgotado” da sanidade xestionada pola Xunta, e emprazouna a impulsar a reforma do sistema de Primaria “na liña que hai anos que o Sergas sabe que ten que facer, pero que aínda non comezou”. Emprazou á alto cargo a “facerlle ver ao PP no goberno que o seu relato triunfalista en realidade é falaz”.
Torrado lembrou que a propia directora xeral compareceu no seu día na Comisión de Reconstrución, e asinou a análise encargada pola Xunta titulada “Por unha Atención Primaria vertebradora do sistema de saúde”, que constituía un “correctivo severo” á xestión sanitaria da Xunta nos últimos dez anos. Aquel informe foi “agochado” polo goberno galego, que optou por organizar 15 grupos de traballo que levan 2 anos sen presentar aínda as súas conclusións.
O responsable socialista sinalou a falla de foco estratéxico, de plans formativos para os profesionais na xestión e eivas na capacidade organizativa, como sinalaba aquela análise. Torrado situou a López – Pardo fronte a aquel informe, que apuntaba á existencia de demasiadas listas de espera nalgunhas especialidades, á inadecuación da planificación de necesidades profesionais e á falla de selección e triaxes da demanda.
Salientou a situación difícil dos equipos multidisciplinares, un “elemento fundamental no sistema de Atención Primaria”, e que hoxe está “roto”, segundo o informe de expertos independentes. Sinala que os médicos deben afrontar unhas axendas saturadas e as enfermeiras vense “incapaces de desenvolver o seu potencial clínico e preventivo” polos impedimentos impostos polo goberno galego.
Animou á directora xeral a superar a “tendencia do PP a negalo todo e centrarse máis no márketing electoral que na mellora real dun sistema” que adoece de falla de autonomía da Atención Primaria e padece as consecuencias da “actitude centralizadora e desconfiada das xerencias”.