Pide ao goberno galego “que faga cumprir a lei” e “se quere cambiar a normativa, que o faga en consenso cos colectivos afectados”
O voceiro de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de urxir á Xunta a intervir no conflito entre percebeiros e bateeiros dedicados ao mexillón por mor da extracción da súa semente, a mexilla, xa que “un ano máis a Consellería do Mar se lava as mans de forma vergoñenta”. Fíxoo, hoxe, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Pesca do Parlamento.
“Tomen os mandos, interveñan e plantexen unha solución tecnicamente viable”, pediu o responsable socialista ante un conflito “que vén aumentado a súa intensidade nos últimos anos pola carencia de mexilla” entre dous colectivos “tremendamente importantes para o sector do mar”.
Ante esta situación, Torrado esixiu á Xunta “que faga cumprir a lei” e “se quere cambiar a normativa actual, que o faga en consenso cos colectivos afectados”, xa que “o conflito sería facilmente resoluble se a Consellería do Mar se tivese por hábito mediar e resolver as cuestións a través do diálogo” e “fomentando os acordos, non os enfrontamentos”.
Así, o voceiro socialista censurou a posición da directora xeral, xa que “asumir que o consenso é imposible na resolución dun conflito é asumir a súa incapacidade na xestión”. “Os actores implicados están amosando moita máis altura de miras que a Consellería”.
“A Xunta posicionouse en contra dos dous colectivos e agora bateeiros, percebeiros e tamén as confrarías están molestos e enfadados”, destacou Torrado logo de subliñar que “ningún actor implicado cre que a Consellería o fixo ben”. Neste marco, sinalou, “os dous colectivos necesitan que se afíen e concreten ben os mecanismos de extracción da mexilla”.
Doutra banda, Torrado lamentou que a propia Consellería “estea alimentando a posibilidade da entrada de empresas privadas” na extracción da mexilla cando isto podería resultar un prexuízo para os bateeiros, xa que se trataría dunha “privatización” dos seus recursos naturais.
Finalmente, o responsable socialista censurou que non se estea cumprindo a normativa cando xa o ano pasado “bateeiros intentaron á acceder á mexilla á que tiñan dereito, pero non puideron”.
Ademais, incidiu en que, nos últimos meses, a Xunta emitiu sancións en virtude de normas non aprobadas e así o expuxo na comisión onde presentou unha proposta de sanción a un bateeiro con data de 13 de abril por colectar mexilla a nado, cando a resolución da norma que prohibe esta forma de extracción é do 14 de abril de 2021.