Sinala que “alguén debera facer dimitir á xerente dá área sanitaria de Santiago se non fora porque pesan máis os apelidos que as capacidades”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou hoxe que as condicións laborais leoninas dos médicos de Familia impostas pola Xunta están detrás das vacantes de formación para esta especialidade. Torrado presentou unha moción reclamándolle á Xunta un novo modelo de xestión dos recursos humanos para mellorar as condicións destes profesionais e garantir así un servizo de calidade, que foi rexeitada polo PP.
Torrado alertou de que logo das 5 convocatorias MIR consecutivas co maior número de prazas da historia, todas elas dende que chegou o goberno de Pedro Sánchez, en Galicia seguen a sobrar prazas MIR de medicina familiar e comunitaria. Lamentou que pese a esta realidade o PP se manteña “emperrado en facer un discurso contra o goberno do Estado” por unha suposta falla de prazas cando “en Galicia os médicos non queren as súas prazas”.
Sinalou que as prazas MIR de atención primaria que presenta o goberno galego “non teñen tan boas condicións” e os médicos “prefiren outras especialidades”, deixando medicina familiar e comunitaria para o último posto dunha lista encabezada por Reumatoloxía –“porque non hai gardas”- e seguida de Cirurxía Plástica, con bastantes mellores expectativas.
Emprazou ao PP a “entender que é cuestión das condicións” laborais que agardan a uns profesionais que teñen que atender máis de 50 pacientes ao día, que chegan co “cabreo” de estar máis dunha semana na lista de espera e que se ven obrigados a “despachar” en menos de 5 minutos. Por iso, dixo, “cada vez licéncianse máis médicos e preséntanse menos ao MIR”, porque buscan “outras vías” con mellores expectativas fora do circuíto público galego.
Santiago
Julio Torrado aludiu á situación da área sanitaria de Santiago – Barbanza logo da dimisión a semana pasada doutro xefe de servizo, esta vez o de Xinecoloxía e Obstetricia, polas condicións impostas pola xerencia aos traballadores do servizo. Sinalou que “alguén debera facer dimitir á xerente -en alusión a Eloína Núñez- se non fora porque pesan máis os apelidos que as capacidades”.
Acusou á xerencia de obrigar a facer gardas precisamente aos médicos que traballan en precario, con contratos eventuais, e engadiu que “primeiro precarizan e despois os obrigan, porque así non protestan”.