O vicevoceiro do Grupo Socialista denuncia que “poucas veces se viu tanta covardía” como a de “poñer unhas eleccións cunha campaña en medio do Nadal e do Entroido” para evitar que se falen dos problemas de Galicia
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023. O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, reprochou hoxe a Rueda que convocase as eleccións “pensando en si mesmo” e que pecha a Lexislatura “deixando tiradas a milleiros de familias” que viven do marisqueo en Galicia.
Na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, o deputado socialista reprochou ao representante do goberno galego que “non se preocuparon de atender a un sector tremendamente importante para a economía galega e moi querido a nivel social, como é o do marisqueo.
Torrado relatou os colectivos do sector marisqueiro afectados pola “neglixente” actuación da Xunta de Galicia, cando non ignorou totalmente os problemas. Entre os mesmos nomeou aos bateeiros, aos percebeiros e ás mariscadoras, e lembrou que deixan a comunidade coa metade de Permex que no 2009 e que “seguen vendo como cae a produción” sen actuar.
Denunciou que “poucas veces se viu tanta covardía como para convocar unhas eleccións cunha campaña en medio do Nadal e do entroido para salvarse a si mesmo” e atribúe a data dos comicios autonómicos a que os populares non queren que se falen dos problemas reais de Galicia, como é o caso do sector marisqueiro, porque saben que lles tería custo nas urnas.
O deputado esixiulle hoxe á Xunta que tome “intervencións decididas” para loitar contra a caída drástica da produción marisqueira. Torrado advertiu que “o problema non é puntual e as solucións non poden ser puntuais esperando a que pasen as cousas para logo intentar ir amañando a ver se conseguimos titulares”. Advertiu que o sector do mar e do marisqueo están “desesperados” diante dun grave problema de caída da produción “reiterado, constante e permanente”, e urxe “celeridade, intervención e decisión dun goberno que ata o de agora foi incapaz”.
Sinalou que “levamos 15 anos recibindo datos de que as rías están esmorecendo”, o que provocou que Galicia pasara de 6.500 a 3.500 Permex, e advertiu que “os profesionais, os investigadores e os expertos no marisqueo saben das cousas que podemos facer e intervir”.
Reclamou un plan urxente que inclúa dragaxes regulares dos fondos, compra de semente ou o control do baleirado de encoros para evitar a caída drástica da salinidade, mentres a Xunta “fai de todo para non intervir” sobre as hidroeléctricas.
Tamén pediu unha liña permanente de axudas ao sector que permita axilizar os procesos nos paros obrigados polo estado das rías, así como un paro subvencionado de longa duración que permita a rexeneración da produción para abrir mellores perspectivas a medio e longo prazos.