O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta apoio “permanente, estable e sistemático no tempo” para a investigación sanitaria en Galicia. Torrado presentou unha pregunta oral na que lle reclamou ao goberno galego que complemente con fondos propios os investimentos de UE e Estado que permitiron incrementar a investigación sanitaria este ano.
Torrado explicou que este ano foi posible incrementar as partidas grazas a fondos externos, logo de dous anos nos que o Orzamento da Xunta para investigación sanitaria se reduciran nun 11,5 por cento. Ademais, puntualizou que o goberno galego destina menos do 1 por cento de orzamento propio con este fin, e o investimento propio para proxectos extraordinarios relacionados coa covid supón o 0,00002 por cento do investimento.
Advertiu que “carecemos dunha política investigadora solvente, entregada ao que fagan e busquen pola súa conta” uns investigadores sanitarios que, dixo, o goberno galego deixa “no salvaxe oeste da investigación”. Chamou a aproveitar a actual conxuntura para “cambiar o modelo” e, engadiu, “entendan que non se trata dunha cuestión puntual e non teñamos que acordarnos da Santa Bárbara cando trona e pedirlle á ciencia que actúe de bombeiro”.
Torrado resumiu a situación da investigación médica en Galicia na precarización dos investigadores que levan “anos demandando un convenio laboral decente”, a situación de grupos propios que teñen denunciado que en 2020 non recibiron un só céntimo de financiamento por parte da Xunta, como vén de facer público o investigador do Ciqus Martínez Costas. Finalmente, lembrou que o desleixo do goberno galego coas empresas punteiras como Zendal fai que marchen a Portugal.
Acusou a PP e Goberno galego de rexeitar tódalas peticións para reverter a tendencia negativa nos orzamentos destinados á investigación sanitaria tanto nas emendas aos orzamentos como en propostas parlamentarias, baixo o mantra de que “todo estaba moi ben, que non había que tocalo”. Tivo que chegar a pandemia, dixo, para “evidenciar o déficit sanitario” de Galicia, que leva anos exportando talento formado en Galicia pero que exerce fora.
O parlamentario socialista comezou a súa intervención comezou a súa intervención felicitando a resolución do conflito da directora da unidade de Nano – Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, María de la Fuente, logo de anos de discriminación pola súa maternidade.