O deputado do PSdeG demanda que se abra unha mesa de diálogo para avaliar un plan de necesidades portuarias na Illa de Arousa
O parlamentario socialista Julio Torrado vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia en relación á construción dunha nave para usos privados no Porto do Xufre, na Illa de Arousa. Torrado expresa as súas dúbidas de que esas instalacións formen parte das prioridades para os terreos portuarios tendo en conta o criterio de interese xeral e beneficio común para todos.
Por iso, e ante o rexeitamento que está a suscitar este proxecto dende algúns eidos, o parlamentario do PSdeG pregúntalle á Xunta se considera que coa construción desta nova infraestrutura se están a cumprir os obxectivos de uso dos terreos portuarios. Co obxectivo de aclarar esta cuestión, Julio Torrado solicitou tamén de maneira formal acceso ao expediente completo sobre esta nave para saber os usos previstos, as solicitudes e o cumprimento dos informes respectivos. A este respecto, e de maneira específica, demanda que se fagan públicas as contías achegadas pola Xunta ao proxecto e que se explique se esas contías condicionaron o uso, proxecto e tipo de infraestrutura a construír.
En calquera caso, Julio Torrado indica que “non nos gusta que esta sexa a prioridade da Xunta para eses terreos” e aposta por “fomentar investimentos máis produtivos para o sector, especialmente o bateeiro”, no canto de buscar os “beneficios exclusivos dunha empresa privada que cambia o obxectivo fundamental do Porto”. Nesta liña, demanda que se abra unha mesa de diálogo cos representantes do sector marítimo e do Concello da Illa para avaliar un plan de necesidades portuarias no municipio.
Julio Torrado explica que, segundo as informacións que transcenderon polo de agora, esta nave, de 12 metros de altura, está sendo construída en terreos de Portos de Galicia e ten como obxectivo aparente a posta en marcha dun almacén de naves de recreo para unha empresa privada.
Neste contexto, o deputado socialista lembra que a Illa de Arousa é “un lugar de especial relevancia” tanto na repercusión do sector marítimo como na ordenación urbanística, onde debe ser tida en conta a singularidade que constitúe este emprazamento. Así, incide en que as limitacións de espazo “fan necesario optimizar os terreos dispoñibles para usos o máis produtivos posibles”.
Porén, o parlamentario do PSdeG fai fincapé en que, malia que o Porto do Xufre ten algunhas demandas como a instalación dunha estación de carga eléctrica para barcos ou posibles almacéns para uso da confraría ou dos bateeiros, a realidade é que se está utilizando ese espazo para unha construción que “está por ver o beneficio ao interese xeral que pode xerar”.
Neste escenario -e malia á posición contraria que manteñen Concello, confraría e bateeiros- a Xunta de Galicia segue sen atender ás necesidades que están suscitando dende o sector e evita dar explicacións, “limitándose a deixar pasar a oportunidade de tomar posición conxunta con estes axentes implicados para potenciar o propio Porto do Xufre”.