Insta á Xunta a tomar medidas porque “para predicar valemos todos pero agora hai que dar trigo”
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, demandoulle hoxe á Xunta de Galicia que adopte medidas para ir recuperando de maneira progresiva o nivel de presencialidade previo á pandemia nas consultas dos centros de saúde.
Así o defendeu mediante unha proposición non de lei no Pleno do Parlamento, onde chamou a atención sobre o feito de que “hoxe é máis doado entrar nun estadio de fútbol ou nun acto relixioso que nun centro de saúde”. De feito, Torrado lamentou que os centros de saúde estanse a converter no derradeiro lugar en recuperar a normalidade “cando, se algo deberíamos ter aprendido, é que que deben ser os lugares que deben recuperar canto antes a súa fortaleza e superar incluso a que tiñan antes da pandemia”.
Julio Torrado explicou que a falta de presencialidade na actualidade non se pode imputar única e exclusivamente á pandemia, aínda que é un factor “indiscutible”. Porén, a día de hoxe “non pode servir como pretexto: xa estabamos bastante mal antes da crise da covid e o que ocorreu con isto foi que se visualizaron as costuras do sistema”.
Neste contexto, o deputado socialista fixo un chamamento ao goberno galego a que tome medidas e decisións consecuentes co que afirma porque “para predicar valemos todos, pero agora hai que dar trigo”. Por iso, avougou por implementar accións en dous sentidos: por unha banda, incrementando os recursos “tras unha continuidade de recortes” e, pola outra, activando un cambio de modelo que “funcionou e xa non funciona” para que avance cara a multidisplinariedade.
Así, relatou que esas eivas veñen derivadas, precisamente, dos problemas nestes dous eixes. No eido dos recursos humanos, Torrado lembrou que dende 2009 hai 976 profesionais menos no sistema de atención primaria, tal e como corroboran os orzamentos, que “son palmarios” neste sentido.
Tamén neste ámbito remarcou que Galicia renunciou a formar a 151 profesionais na última década e que, para máis, moitos dos que se forman non queren ir á atención primaria debido a que se encontra “minusvalorizada, con condicións precarizadas e, en Galicia especialmente, con bastante esquecemento por parte do goberno”.
Neste escenario, Julio Torrado sinalou que “hoxe non é posible argumentar que Galicia ten una das maiores ratios de profesionais por paciente, iso é mentira”. Por contra, evidenciou que as ratios definidas pola Consellería sobre o papel “non teñen nada que ver coa realidade nin co que acontece nos centros de saúde”. Así, indicou que cando se fala dun centro con dez cupos e 1.300 pacientes para cada un deles, sen ter en conta baixas, xubilacións, vacacións ou días libres, “atopámonos con que en realidade non son 10 médicos senón 10 prazas das que só están cubertas seis con profesionais que teñen que atender 50 pacientes ao día”.
De maneira complementaria, Julio Torrado avogou por avanzar cara un cambio de modelo “máis amplo” e abandonar o sistema “médicocentrista”. Na actual situación, “pénsase que o sistema sanitario son só os médicos, aos que só lles falta organizar as quendas de limpeza nos centros de saúde”. Nesta liña, defendeu unha “multidisciplinariedade real”, cun sistema de atención primaria no que se incorporen profesionais de distintas categorías e que haxa un sistema de clasificación de casos.
En paralelo, reclamou unha maior presenza da saúde mental en atención primaria, fisoterapeutas para problemas de mobilidade, podólogos ou traballadoras sociais. Desta maneira, “os médicos poderían estar facendo de verdade clínica”, xa que “se temos déficit de profesionais, sería ideal que os que hai poidan dedicarse ao cen por cen ao clínico e que outros profesionais realicen outras funcións”.