O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou unha moción no Pleno do Parlamento celebrado hoxe para reforzar o modelo de Atención Primaria mentres, lamentou, a Xunta “busca escusas en lugar de resolver o problema”. Torrado lamentou o veto do PP a esta proposta que defendía as conclusións do informe independente “Por unha Atención Primaria Vertebradora” encargado pola propia Xunta.
Aquel documento, dixo, foi elaborado por consultores externos e profesionais do Sergas, incluíndo a actual directora xeral de Coordinación e Planificación, ofrece a radiografía dun sistema sanitario “en dificultades” e dun goberno galego que non está “facendo absolutamente nada” a pesares de que sabe do “problema gravísimo” que provocarán as xubilacións de profesionais en 5 anos.
Dixo que “sabémolo hoxe, sabiámolo hai 10 anos e renunciaron a formar 150 profesionais de Familia e 130 de enfermaría familiar e comunitaria”. Torrado alertou de que o sistema sanitario enfróntase a un “problema gravísimo e ninguén está tomando decisións máis alá de salvar o titular de mañá”, encamiñando á sanidade pública ao “desastre” e a presentarlle ás xeracións futuras un sistema “descapitalizado” sen persoal.
O informe, sinalou, lembra que as queixas sobre o servizo apenas derivan en cambios reais, non existe multidisciplinariedade, alerta da falla de autonomía da Atención Primaria, da actitude desconfiada das xerencias e presenta a uns xestores máis preocupados polos titulares de prensa que polos usuarios do sistema.
O parlamentario socialista puxo como exemplo a xestión da volta á presencialidade na atención sanitaria, cando o goberno galego anunciou a reapertura para anunciar antes de 24 horas que a cidadanía prefería atención telefónica. Lembrou que “o mesmo medio que daba o anuncio a semana pasada, hoxe publica que o 70 por cento das peticións na Área Sanitaria de Santiago son para atención presencial”.
Acordo
Torrado propuxo un acordo baseado en seis puntos, que comeza por implementar unha xerencia de atención primaria en cada Eoxi, continúa coa mellora das condicións laborais para o conxunto de profesionais temporais do Sergas, ou implementar a figura do profesional ou equipa de triaxe nos centros de saúde.
Tamén propón promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a Atención Primaria, con distribución de zonas de referencia para cada equipo de saúde mental, habilitando primeiras consultas nos propios centros de saúde e, finalmente, ampliar a posibiliadde de solicitude de probas diagnósticas de maneira directa por parte dos facultativos de Atención Primaria.