O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, alertou hoxe das reticencias do PP a garantir o cumprimento da Lei de Eutanasia en Galicia. O responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei para esixirlle á Xunta que garanta o cumprimento da Lei de Eutanasia “en plenitude de condicións” no territorio galego.
Torrado alerta de que o goberno galego “pretenda torpedear” a norma logo de negarse a aceptar a proposta que pedía “as actualizacións e adecuacións necesarias no sistema legal e sanitario de Galicia”. Explicou que a normativa obriga ás comunidades autónomas, incluída Galicia, a constituír unha Comisión de Avaliación, encargada de recibir e avaliar as peticións, e sinalou que o goberno galego ten 3 meses para poñer en funcionamento esta Comisión, cando a Lei entre en vigor.
Torrado puntualizou que “poden non estar de acordo coa Lei, pero non poden non aplicala ou dificultar a súa aplicación” como fan, dixo, coa Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. O mesmo sucede, dixo, coa Lei autonómica de dereitos dos enfermos terminais, aprobada en 2015 e que aquel mesmo ano a Xunta se resistiu a aplicar nun coñecido caso no Hospital de Santiago de Compostela, “baixo o paraugas do entón presidente, Núñez Feijóo”.
Acusou ao goberno galego de “provocar unha burocratización demasiado ampla”, que provoca que Galicia teña hoxe o menor rexistro de testamentos vitais de todo o Estado, cando o apoio en Galicia é semellante a outras autonomías. Por iso incorporou á súa proposta unha petición expresa para facilitar a recollida e aceptación do “documento de instrucións previas”, que é como se denomina ao testamento vital.
Así, propuxo que poida recepcionar o documento un profesional sanitario á escolla do solicitante, sempre que aquel acepte voluntariamente ser o receptor, e pediu abrir a posibilidade de dialogar coas entidades implicadas para mellorar o testamento vital, permitindo a súa modificación “para ser máis explícito e facilitador das decisións no caso de ter que ser aplicado”.
Vida e liberdade
O responsable socialista explicou que esta nova norma “respecta a liberdade e a vida”, e sinalou que “poucas cousas garanten máis a liberdade e a vida que escoller cómo rematar co sufrimento”, e acusou ao PP de emendar a proposta debatida hoxe con disposicións pensadas “para que non se aplique”. Reclamou por iso que garantan a posibilidade de exercer o dereito en Galicia “en plenitude de condicións”.
Torrado replicoulle ao PP que “non é que este novo dereito chegue rápido, de feito chega tarde” logo de décadas de debate e cando conta cun apoio social masivo, de ata o 85 por cento da poboación. Sinalou que a demanda “non é que non sexa maioritaria, é demasiado maioritaria para que non o fixéramos antes”, e por iso a Lei de Eutanasia foi apoiada por tódolos grupos do Congreso agás PP e Vox, e lembrou que “un dereito non obriga, senón que permite escoller”.