O voceiro de Sanidade denuncia “o caos de argumentacións e o constante cambio de postura” do goberno galego sobre un servizo que leva pechado dende o inicio da pandemia
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que aclare cando e con que medios vai reabrir o consultorio de de Vilaxoán. Torrado presenta estas propostas ante “o caos de argumentacións e o constante cambio de posturas” da Consellería de Sanidade en relación ao futuro deste servizo, que “desapareceu” tras a chegada da pandemia.
O parlamentario socialista lembra que o peche do consultorio xerou “unha relevante mobilización cidadá”, que o PSdeG levou ao Parlamento en 2020 para esixir explicacións ante a falta de concreción da Xunta sobre a previsión para a súa reapertura. Naquela ocasión, o PP fiou a reposición do servizo ao momento no que diminuíse a preocupación pola covid.
Con todo, Julio Torrado salienta que “a realidade é que terminou o estado de emerxencia sanitaria, que se recuperaron a práctica totalidade dos servizos públicos adaptándoos á nova realidade, pero que o consultorio de Vilaxoán segue pechado”. A maiores, o deputado socialista indica que “por se a situación non fose difícil de entender para os colectivos sociais, a Consellería de Sanidade vén de enviar mensaxes contraditorias sobre a súa previsión”, utilizando ademais “vías non formais en algúns casos”.
Así, en primeiro lugar, informa aos colectivos veciñais da súa decisión de non retomar a asistencia en Vilaxoán polo momento. Porén, poucos días despois, o PP local anuncia que a Consellería volve asumir a necesidade de abrir o consultorio e retorna á súa idea inicial de que abrirá cando remate a pandemia.
Para Julio Torrado, esta situación “amosa unha completa desatención da realidade e unha confusa idea do que realmente se desexa facer co consultorio”. Por iso, demanda que o goberno galego aclare a súa perspectiva sobre a situación do consultorio de Vilaxoán e que informe por escrito ao Concello de Vilagarcía e aos colectivos veciñais da súa intención e dos posibles prazos para retomar a asistencia de atención primaria con, como mínimo, os medios materiais e humanos que estaban asignados antes do inicio da pandemia.
En calquera caso, Julio Torrado fai fincapé na notoria relevancia dun consultorio que, por situación xeográfica, podería atender a unha certa parte do sur de Vilagarcía. De feito, lembra que o propio goberno local 2011-2015 formulou a proposta de que Vilagarcía podería non necesitar un gran centro de saúde, senón que Vilaxoán podería acoller un centro que atendese a unha parte relevante da poboación vilagarciá.
Aínda así, dende o ano 2017, a situación do servizo “non deu en mellorar de maneira sostida” e arrastra carencias de asistencia sanitaria polo feito de que non se cubran as baixas ou vacacións do seu profesional facultativo. Neste contexto, Julio Torrado tamén lle pide explicacións á Xunta sobre a posibilidade de que se melloren as condicións materiais para a asistencia sanitaria en Vilaxoán nun curto espazo de tempo.