Urxe á Xunta un sistema “verdadeiramente multidiciplinar” para reformular a Atención Primaria e redistribuír a demanda de pacientes
O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cualificou hoxe o XIDE como un “sistema de triaxe que, por agora, ten máis márketing que eficiencia”. Fíxoo, na Comisión de Sanidade do Parlamento, durante a comparecencia por petición propia da directora xeral nesta materia.
Neste marco, o voceiro socialista sinalou que o novo protocolo que pretende implantar o Sergas “parece creado para frear a demanda e a sobrecarga, e non cremos que este deba ser un obxectivo real”, xa que “non é reordenar a sobrecarga, senón ser máis eficiente e redistribuír nun sistema que está focalizado de maneira esaxerada nos profesionais médicos, que teñen unha saturación de traballo porque fan moitas labores que non lles corresponden”.
“A realidade é que o Sergas non está pensando nun novo modelo de Atención Primaria, está pensando en transformar aquelas cuestións que lle poden axudar a frear a sobrecarga e a demanda”, o que, lamentou, “dende o punto de vista político” parece que “pretenden frear os problemas que se transmiten” e “logo xa veremos como se xestionan os que xa hai”.
Ao fío disto, Torrado defendeu a implantación dun sistema “verdadeiramente multidiciplinar” para reformular a Atención Primaria e redistribuír a demanda de pacientes mesmo en novas categorías como fisioterapia, podoloxía ou “cun sistema de conectividade real entre saúde mental ou Primaria”.
“HAI PROFESIONAIS SANITARIOS PARA CONTRATAR, O QUE NON HAI É VONTADE”
“Hai profesionais sanitarios para contratar, o que non hai é vontade” por parte da Xunta, censurou o vicevoceiro socialista, quen insistiu en que “necesitamos ser máis resolutivos” e, para iso, hai que “reformular o sistema de Atención Primaria”, xa que os centros de saúde e os PAC son quen acaparan “maior volume de traballo” e “están saturados”.
Malia que a execución deseñada do sistema, destacou Torrado, “parece dubidosa”, o socialista agardou que este se converta nunha “boa ferramenta” e, por iso, incidiu, “darémoslle o beneficio da dúbida”.
“Imos intentar que non se quede nun sistema cutre, senón que se implante de verdade cando moitos profesionais cren que pode ser unha oportunidade e iso pode ser positivo”, sinalou o socialista, quen concluíu incidindo en que o sistema “pode ser positivo se o dotamos de profesionais suficientes”.
Por último, o socialista censurou a actitude da Xunta ao anunciar agora un sistema de triaxe na Atención Primaria despois de votar en contra del na Cámara galega, xa que o PSdeG o propuxo en diversas ocasións coa oposición reiterada do PP.