Urxe á Xunta a clarexar o seu modelo de xestión das rías cando cada vez producen menos: “antes había un ano malo entre varios bos, agora hai un ano bo entre varios malos”
O deputado arousán Julio Torado criticou hoxe a desatención e a falla de compromiso da Xunta sobre a ría de Arousa cando “están condenando ás confrarías a xestionar as migallas”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento, a través dunha pregunta oral neste sentido ao goberno galego.
Neste sentido, o voceiro de Marisqueo do Grupo Socialista urxiu ao goberno galego a clarexar o seu modelo de xestión das rías cando cada vez estas producen menos. “Antes había un ano malo entre varios bos, agora hai un ano bo entre varios malos”, lamentou ao sinalar a perda de capacidade produtiva e baixada de rendemento do sector dos últimos anos.
Estas circunstancias, apuntou, débense principalmente a dous “problemas” que o sector leva varios anos denunciando como o dragado dos lombos e a falla de depuración das augas, temas nos que o sector “vén desgañitándose” ante a Xunta ao tempo que perde “toda esperanza de colaboración” por parte da administración competente.
“Se non se inviste na ría, non vai haber modelo que resulte porque non é unha cuestión só do modelo”, sentenciou o responsable socialista quen incidiu no “déficit” que existe na xestión e lembrou que o “principal responsable” da ría é o goberno da galego.
A XUNTA TEN QUE APORTAR “SOLUCIÓNS”
É por iso, incidiu, “se a Xunta quere coxestionar as rías, ten que ser aportando solucións” porque, sinalou, agora o que están facendo é provocar “un conflito entre confrarías” como xa aconteceu con outros colectivos onde a Xunta optou por ser “observadora” como cos percebeiros ou os mexilloneiros.
Con todo isto, Torrado pediu ao goberno galego “investimento” e “aposta real” a longo prazo nas rías galegas e, especificamente, na ría de Arousa, xa cando “a cousa non vai”, é preciso pensar en que “igual hai que cambiar a maneira de facer as cousas”.