O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, deu hoxe a voz de alarma ante o anuncio do conselleiro de Sanidade dunha inminente flexibilización das incompatibilidades de profesionais médicos do sector público e privado. Torrado presentou unha serie de iniciativas parlamentarias logo deste anuncio feito pola Xunta “ao mesmo tempo que se manifestaban en Santiago os sindicatos sanitarios e cando segue sen recibir á Asociación Galega de Médicos de Familia”.
Así o dixo logo de que o conselleiro de Sanidade admitira onte a súa intención en resposta inmediata a unha petición directa do presidente da corporación privada HM Hospitais nun acto público celebrado en Madrid. Torrado confesou a súa “fonda preocupación” pola resposta do conselleiro de onte, que “pregouse e aceptou de inmediato a petición dun dos maiores grupos da sanidade privada de España, con presenza en Galicia”.
Censurou que “intenten facer crer que responden ao ben común” e reclamou “claridade” sobre as medidas que están a contemplar cando o que queren é “resolverlle os problemas á privada. Advertiu de que “resulta preocupante que anuncie que queren flexibilizar e non expliquen como nin o que”, e subliñou que “queremos ter os mellores profesionais no sistema, e hai que estar de acordo en contemplar as necesidades”, pero esixiu “respecto á legalidade vixente”.
Torrado advertiu de que “a Xunta volve demostrar que a súa prioridade está en atender aos presidentes das grandes corporacións privadas antes que aos profesionais da sanidade pública”. Ademais, sinala que coas declaracións de onte o conselleiro admite a “falsidade” do seu argumento da suposta falla de médicos para contratar, senón que en realidade “o Sergas hoxe en día é incapaz de retelos laboralmente”.