O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou ao Sergas de “rirse” dos 3 informes consecutivos elaborados polo Defensor del Pueblo dende 2017 alertando das graves eivas de recursos no Hospital Psiquiátrico de Conxo, que derivan en serios problemas na atención aos pacientes. Así o dixo nunha pregunta oral que presentou hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento.
O responsable socialista tomou unhas recentes declaracións de Feijóo para sinalar que “vostedes si que da a sensación de que non teñen corazón” ao deixar aos profesionais do centro “sen modelo de referencia nin recursos para mellorar no posible a atención aos pacientes”. Lamenta que lles “deu igual” a gravidade da situación no centro porque, remachou, “a calidade de vida dos pacientes impórtalles pouco”.
Reclamou apoio para os profesionais médicos porque, apuntou, “temos uns enormes profesionais en saúde mental, comparativamente dos mellores de España, pero debemos dotalos de medios para poder traballar o mellor posible”.
Advertiu que “teñen que tomar medidas” e preguntou “que ten que pasar para que cumpran co que vostedes mesmos se comprometeron”. Aludiu así aos anuncios do propio conselleiro en 2018, cando dixo que tiñan en conta as alertas do Defensor del Pueblo, ou á última iniciativa parlamentaria aprobada pedindo unha auditoría externa.
Así o dixo Torrado logo de que o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, constatara hoxe que non comezaran a traballar ata novembro de 2021 –cando o primeiro informe remóntase a 2017-, e por outra parte substituíran a auditoría externa por un informe técnico interno. O responsable socialista acusounos de “intentar agochar” o informe elaborado polo propio Sergas que admitía “instalacións deficientes, medidas de contención mecánica sobre os pacientes e doses elevadas de fármacos”.
Acusou ao goberno galego de “mentir como mentiron cando dixeron en 2018 que estaban a traballar” para mudar a situación do Hospital pero “non comezaron ata 2021”, mentres “saltan á torera os acordos parlamentarios” demostrando que “o Parlamento impórtalles un bledo”.
O parlamentario socialista reclamoulle ao Sergas que “se comprometan a facer unha auditoría externa de verdade” sobre a situación do centro, porque “trátase de que teñamos unha visión o máis obxectiva posible para garantirlle os recursos suficientes aos profesionais da saúde mental de Galicia, que teñen unha calidade altísima”.