Critica que o financiamento da Xunta “non chega ao 30 por cento do financiamento das infraestruturas que necesitan as universidades galegas
O portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle á Xunta que aumente a súa aportación ao financiamento para a construción do novo edificio da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago. O responsable socialista presentou esta petición a través dunha proposición non de Lei na Comisión de Economía de hoxe, pero que foi rexeitada polo PP.
Abalde reclamoulle ao goberno galego que “faga un maior esforzo orzamentario, xa que ten diversas vías de ingresos diferentes dos da USC, como son fondos Feder ou fondos propios, entre outros”. Pediulle por iso que “aporte o financiamento necesario, concretando o compromiso orzamentario con partidas determinadas” para as obras da primeira fase da Cidade da Saúde, que inclúen os módulos de docencia, despachos e xestión da Facultade de Farmacia.
Explica que, de acordo co plan de construción de infraestruturas singulares asinado en 2023 entre as tres universidades públicas e a Xunta de Galicia, que inclúe á Cidade da Saúde da USC, dotado de 40 millóns de euros para construír uns centros que custan 130 millóns. Isto supón, dixo, que a financiación aportada pola Xunta “non chega ao 30 por cento do financiamento”, polo que as universidades teñen que facer fronte ao resto dos custes.
Julio Abalde sinalou que a USC non puido acadar o financiamento suficiente para iniciar as obras, polo que vén de acadar a autorización do goberno galego para endebedarse e completar o orzamento necesario para iniciar a obra. O responsable socialista alerta da urxencia desta obra dende que no ano 2016 fora pechado o bloque das aulas da antiga Facultade de Farmacia polo seu estado calamitoso, obrigando a repartir a docencia entre diferentes facultades da USC.