Alerta de que o goberno galego reduce as partidas para libros de texto con 8 millóns de euros menos este ano para unhas axudas “xa exiguas e restrinxidas”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe ao goberno galego que recupere o sistema de libros de texto gratuítos implantado por Pérez Touriño en 2005 e suprimido polo PP en 2009. O responsable socialista presentou unha interpelación no Pleno do Parlamento na que acusou ao conselleiro de ser “pertinaz nun sistema discriminatorio para as familias galegas”.
Explicou que o modelo do goberno galego é “discriminatorio con respecto ás familias de outras comunidades autónomas, que si seguiron o modelo implantado polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, como o caso de Andalucía, Valencia, Estremadura, Madrid ou A Rioxa. Criticou que o goberno galego está a restrinxir ano a ano os dereitos das familias galegas a que a educación obrigatoria sexa gratuíta.
Alertou de que o goberno galego reduciu os orzamentos da partida para material escolar este mesmo ano en 8 millóns de euros, pasando dos 25,85 de 2023 a apenas 17 millóns de euros, deixando ao alumando galego desamparado e dependendo de novo do seu Concello, como o caso de Vigo, que ten que asumir o custe das axudas para adquisición de libros de texto.
Criticou que as axudas postas enriba da mesa polo goberno galego resultan “exiguas e con múltiples restricións”, ao ser adxudicadas con “criterios económicos que prexudican claramente a determinadas unidades familiares, como é o caso das monoparentais”, e establecendo ademais unha dicotomía cos alumnos dos centros que participan do polémico E.Dixgal.
Reclamoulle ao goberno galego que “mude o concepto de axudas polo de dereitos”, cambiando o concepto de gratuidade solidaria polo do dereito constitucional dunha educación obrigatoria e gratuíta. Acusou ao conselleiro de ser “inxusto” coas familias galegas ás que deixa “fora do sistema de axudas” cando a gratuidade resulta “economicamente asumible” para o orzamento da Comunidade Autónoma.