Aféalles a “falla de vontade política” para incluír este servizo dentro dos programas de fomento da conciliación
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, lamentou hoxe o voto en contra do PP a incorporar os programas de madrugadores como servizos escolares complementarios financiables dentro dos programas de fomento da conciliación da Xunta nos centros educativos. Abalde presentou esta proposta no Pleno do Parlamento, no que foi rexeitada polo voto en contra do PP.
O responsable socialista criticou a “falla de vontade política” amosada pola Xunta e o PP para colaborar coa Fegamp e implantar estes servizos fundamentais para milleiros de familias galegas que teñen que deixar aos pequenos na escola antes de ir ao traballo. Abalde reclamou cubrir esta eiva na Lei de Impulso Demográfico, que inclúe como medidas de conciliación os servizos previos á xornada lectiva nos nenos de 0-3 anos, pero non no resto de Infantil nin en Primaria.
Explicou que estes servizos existen nalgúns centros educativos cando son xestionados polas ANPAs ou polos concellos, pero “sen a supervisión, a implicación nin o apoio da Consellería de Educación”. Ademais da “situación precaria” do servizo por non estar recoñecido, este se atopa en “grave risco” na actual situación, xa que os concellos non poden mantelos por si solos ao ter que atender á lexislación de estabilidade orzamentaria.
Polo contrario, subliñou que o goberno galego si que ten os instrumentos e incluso a posibilidade de asumilos, pero carece de vontade política para impulsar un servizo fundamental para a conciliación laboral e como medida de impulso demográfico.
Os socialistas galegos reclamáronlle á Xunta que regularice os servizos matinais, dotándoos de liñas de financiamento e apoio en colaboración coa Fegamp, garantindo a dotación de persoas coidadoras de necesidades educativas especiais ao igual que fan co transporte escolar e comedor. Ademais, piden que inclúan a provisión das instalacións necesarias para este servizo dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.