O portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reduciu hoxe os proxectos anunciados pola Xunta aos fondos Next Generation a un “totum revolutum sen orientación de país”. O responsable socialista presentou unha iniciativa na Comisión de Economía para reclamar un “plantexamento realista” que parta do “diálogo social e político” que foi rexeitada polo PP.
Juan Carlos Francisco criticou que os proxectos que levou o conselleiro de Economía á Comisión de Reactivación do pasado mércores son “unha suma de proxectos de cada Consellería e dos concellos, que suman 20.000 millóns de euros pero que se quedan nun slogan sen criterios de país, sen orientación estratéxica nin criterios para cohesionar o territorio”.
Advertiu que a totalidade de fondos comunitarios non reembolsables para España ascenden a 72.000 millóns de euros, co que “pretender que Galicia capte 20.000 millóns –cando supón o 6 por cento do PIB do Estado- é moi lexítimo pero escapa a calquera plantexamento realista”. Alertou de que se trata de “ensoñacións e publicidade e propaganda” que só servirá para “alimentar expectativas que derivan en fracasos, frustración e confrontación permanente”.
Explicou ademais que mentres por unha banda falan de captar 20.000 millóns de euros, pola outra o goberno galego aínda ten pendentes de gastar en torno a 1.400 millóns de euros de fondos europeos correspondentes ao período 2014-20, ademais de outros 263 millóns de euros que aínda non foron asignados.
Afeoulle ao goberno galego que teña dedicado os últimos meses a “confrontar co Estado con relación á xestión da pandemia, coa estratexia de vacinación e agora co Estado de Alarma”, en lugar de buscar o acordo cos axentes sociais e políticos para aproveitar o mellor posible estes fondos.
Pola contra, reclamoulle que respondan con reciprocidade á “man tendida” que está a ofrecer o PSdeG na xestión da pandemia dende o goberno galego. Neste sentido, pediu a posta en marcha dun órgano parlamentario para consensuar os proxectos que vaian a aspirar aos fondos Next Generation, así como unha comisión inter – departamental específica dentro do goberno glego para reforzar a presenza destes fondos no organigrama da Xunta.