Critica que Xunta e Deputación de Ourense non esixan a activación dos canóns de neve artificial nos que se investiu 5,5 millóns de euros cando ambas institucións son os máximos accionistas da sociedade mercantil que a xestiona
O deputado ourensán Juan Carlos Francisco, vén de urxir á Xunta a sacar a licitación pública e de libre concorrencia o contrato de xestión da estación de esquí de Manzaneda. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao vicepresidente da Xunta.
O socialista trasladou a “preocupación” que existe na comarca de Manzaneda e Trives en relación ao funcionamento e xestión da estación de esquí, adxudicada en 2020 “a unha sociedade que se constituíra 10 meses antes e a dedo”, cando dende o ano 2020 e ata o día de hoxe só abriu dous días para esquiar.
“Alcaldes, traballadores e traballadoras, e provedores están fondamente preocupados por esta situación”, alertou o socialista quen reivindicou a potencialidade da estación de inverno para a provincia. “Perdéronse días de actividade na estación e, polo tanto, actividade económica”, subliñou Francisco Rivera.
Isto ocorre malia que no ano 2017, censurou o socialista, se investiron 5,5 millóns de euros na instalación, entre outras cuestións, de 29 canóns de innivación de neve artificial, co obxectivo de que houbese neve durante, polo menos, 180 días ao ano para explotar o turismo de inverno na estación.
“Cando van sacar a licitación pública e de libre concorrencia para que xestione a estación de esquí unha empresa solvente?”, preguntou o socialista quen lamentou que o PP “se escude en que non é posible” activar os canóns cando “as condicións de humidade si o permiten”.
Esta cuestión está afectando aos programas da Deputación, incidiu Francisco Rivera, xa que ofrecen clases de esquí para nenas e nenos e, neste momento, “non é posible” ofrecelas.
Por último, o socialista censurou a falla de transparencia con respecto ao procedemento despois de que o PSdeG solicitase en diversas ocasións e por diversas vías a documentación sobre a contratación, pero a día de hoxe, “ni na Xunta nin na Deputación” puxeron esta documentación a disposición.