Urxe ao goberno galego a “formalizar un gran acordo de país” con forzas políticas e axentes socioeconómicos para “impulsar e transformar a economía”
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de criticar a “opacidade” da Xunta con respecto aos fondos europeos Next Generation cando “evitan aclarar en que consisten os 354 proxectos anunciados”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.
“Deixen a propaganda e a confusión permanente”, sentenciou o responsable socialista, logo de censurar a falla de información sobre os proxectos europeos que “non coñecemos nin as forzas políticas nin o conxunto da cidadanía galega”.
Así, lembrou que o pasado 25 de marzo, o presidente da Xunta anunciou que dera “luz verde” a 354 proxectos para os optar aos fondos Next Generation por importe de 20.000 millóns de euros, dos cales 107 estarían respaldados por algún tipo de iniciativa empresarial e o resto sería do ámbito administrativo.
“Nin nesa rolda de prensa nin con posterioridade se explicou en que consisten eses proxectos nin que empresas están detrás dos mesmos”, lamentou o responsable socialista, quen incidiu na “relevancia” desta cuestión “para o futuro de Galicia”.
PRECÍSASE “UN GRAN ACORDO DE PAÍS”
Por todo isto, Francisco instou á Xunta a “propiciar un gran acordo de país” con forzas políticas e axentes socioeconómicos para “impulsar e transformar a economía de Galicia”. Así, subliñou, este debería basearse “na transparencia e no diálogo” e “deixando atrás a opacidade” que caracterizou o proceso ata o agora.
“Aspirabamos a que no Parlamento de Galicia se constituíse unha comisión non permanente, ponencia ou organismo no que puidese participar o conxunto do país en torno aos fondos europeos, pero nada disto ten acontecido”, lamentou.