O portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta que poña en marcha axudas directas para os clubes federados non profesionais de ámbito autonómico. O responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a unha proposta prevista para axilizar o pago de subvencións aprobadas para atender aos gastos extraordinarios pola covid.
O parlamentario socialista reclamoulle á Xunta que active axudas a través do fondo de consenso, incluíndo axudas á adquisición de material deportivo, ao pago de cuotas federativas e unha compensación directa aos clubes pola mingua dos ingresos derivados da covid. Sinalou que a situación difícil tense convertido en límite para os clubes pequenos con menos recursos pola limitación de aforos ou a perda de patrocinadores e con maiores gastos pola pandemia.
Urxiu así a axilizar o pago das subvencións aprobadas para atender aos gastos extraordinarios pola Covid que tiveron que afrontar os clubes na temporada que vén de rematar. Ademais, instou á Xunta a posicionarse “en torno á ridícula esixencia de obrigar a realizar test cada 14 días para competir e entrenar, cando precisamente a inmensa maioría dos deportistas están xa vacinados”.
Ademais, reclamou que no novo orzamento de 2022 atendan ao deporte como unha actividade esencial, e se finance de acordo coa importancia dun orzamento que conta cun teito de gasto de ata 11.571 millóns de euros.
A proposta presentada hoxe instaba á Xunta a probar unha liña de axudas directas para estes clubes que fora ademais “complementaria e adicional a calquera outra liña de subvencións xa establecida pola secretaría xeral para o Deporte ou calquera outra administración pública autonómica, estatal ou local”.