O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamoulle hoxe á Xunta que faga valer as súas competencias en materia de Consumo para “evitar a exclusión financeira” en Galicia. Francisco lamentou o voto en contra do PP a esta proposta, que intentaron votar por puntos para evitar reclamarlle ao goberno galego que cumpra coas súas obrigas e pedirlle un plan de implantación de caixeiros e garantir a accesibilidade dixital da poboación.
O responsable socialista cualificou de “escandaloso e inaceptable” que en plena pandemia, que derivou nunha crise económica, e coas entidades bancarias reportando beneficios multimillonarios, “aínda así levan adiante o peche de oficinas e o despido de traballadores”. Juan Carlos Francisco tildou de “inaceptable” o veto do PP a esta proposta dirixida a “evitar a descohesión” e frear a perda de servizos fundamentais nos concellos galegos.
O parlamentario socialista explicou que en Galicia foron pechadas 1.300 oficinas bancarias dende 2018 e hoxe hai 45 concellos sen ningunha entidade financeira e outros 118 só contan cunha sucursal. Sinalou que a situación chega a que o 2,4 por cento da poboación galega carece de acceso a unha oficina bancaria, unha porcentaxe que aumenta ata o 10 por cento por exemplo na provincia de Ourense.
Alertou das consecuencias da nova onda de peches e despidos no sector bancario, que empuxan ao usuario cara á banca electrónica, obviando que nesta Comunidade Autónoma existe unha maioría de clientes sen coñecementos para empregar as plataformas dixitais, mentres máis de 200 concellos teñen dificultades de acceso a internet.
Neste sentido, sinalou ao ERE do Banco Santander, que afectará a 370 postos de traballo e o peche de 80 oficinas, ou o de BBVA, co peche de 59 sucursais e a expulsión de 120 empregados en Galicia, Asturias e Castela e León. No caso de Abanca, sinalou, esta entidade vai proceder ao peche de 35 oficinas e a supresión de 120 empregos da rede galega da Caixa Geral de Depósitos que vén de adquirir recentemente.
Todas estas entidades, sinalou, están a iniciar unha nova onda de despidos e de supresión de sucursais a pesares de ter rexistrados pingües beneficios nas últimas contas de resultados, nun proceso que está a provocar a perda de competencia no sector, cunha oligopolización do mercado que fai que “3 ou 4 entidades acaparan o cen por cen do negocio” neste territorio.