O portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, esixiulle hoxe á Xunta que “reprobe” a Rafael Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol logo de ter sido condenado por prevaricación e fraude cando era presidente da Deputación de Pontevedra. Así o dixo durante a comparecencia do secretario xeral para o Deporte hoxe en Comisión parlamentaria.
Francisco sinalou que “a sociedade merece cando menos unha explicación” pola situación de quen foi presidente do PP de Pontevedra durante case 20 anos, unha etapa na que ademais presuntamente realizou un pago en b de 50.000 euros dirixidos a Rajoy e Cospedal, tal e como teñen afirmado estes días tanto o ex xerente do PP Cristóbal Páez como o propio Bárcenas no xuízo que se está a desenvolver fronte á Audiencia Nacional.
O responsable socialista apuntou que o goberno galego “non se pode abstraer” de valorar a situación de quen preside a Federación Galega de Fútbol, que malia ser unha entidade privada é certo que exerce competencias públicas delegadas, aglutina a 1.873 clubes en Galicia e case 100.000 fichas deportivas. Lembrou ademais que o deporte autonómico é unha competencia exclusiva xestionada pola Xunta.
Axudas
O responsable socialista reclamoulle hoxe ao goberno galego que “efectivice axudas moito máis importantes aos clubes deportivos” para afrontar os gastos derivados da covid. Neste sentido, lembrou que malia que a secretaría xeral conta con 32,5 millóns de euros, un 28,5 por cento máis, esta contía resulta “absolutamente insuficiente” no actual contexto, máxime cando o Consello Superior de Deportes do Estado incrementou o orzamento nun 57 por cento.
Este órgano incrementou as transferencias ás Comunidades Autónomas nun 30 por cento máis que o ano pasado para apoiar aos gobernos autonómicos nunha situación “complicadísima” para os clubes autonómicos. Sinalou que os clubes “necesitan unha liña específica de axudas” directas, e apuntou á necesidade de que asuma o custe dos test de antíxenos e que sufrague o custe das fichas, permitindo que os clubes “poidan competir cun mínimo de seguridade económica”.