O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, criticou o apoio “tenue, lento, pouco áxil e ineficaz” por parte da Xunta aos sectores afectados pola crise. O responsable socialista presentou unha interpelación na que lle reclamou ao goberno galego que utilice a capacidade de endebedamento desbloqueada pola crise ao mantemento do emprego e a actividade económica.
Francisco criticou que as “poucas medidas” do goberno galego foron presentadas ademais nunha “estratexia da confusión” que os levan a anunciar 30 millóns de euros para autónomos e outros 17 millóns para a hostalería que Feijóo aumentaba arbitrariamente a 100 millóns nunha entrevista nun xornal galego. En calquera caso, explicou que as axudas para autónomos e os outros 2 millóns para actividades pechadas só suporían 250 euros por traballador.
Reclamoulle ao goberno galego que “dea resposta ao conxunto da economía afectado polas restricións” e citou “especialmente aos hostaleiros, pero tamén ás 600 axencias de viaxe e aos 8.000 autónomos de venta ambulante de Galicia”. Reclamou a intervención da Xunta para afrontar unha situación “agónica” que provocou ata o momento o peche de 12.800 negocios, aproximadamente 45.000 traballadores, e a caída do 9,7 por cento do PIB.
685 millóns de euros
Juan Carlos Francisco lembroulle ao goberno galego que Galicia recibirá 685 millóns de euros de transferencias do Estado, que asumirá o 1,1 por cento do déficit, para facer fronte á crise, o que permite que presenten os orzamentos máis altos da historia. Reclamoulle que primen o suplemento de gasto e a capacidade de endebedamento a “manter o emprego e a actividade económica”.
Unha vez remate a emerxencia pola pandemia, sinalou, “reorientar a actividade económica cara aos eixos da transición ecolóxica, a transformación dixital, a modernización da actividade económica e a cohesión social”. Urxiu a adoptar unha “reacción máis áxil, con máis profundidade e de calado da Xunta” seguindo a estela das institucións da UE, que teñen posto a disposición tódolos mecanismos comunitarios, optimizando o orzamento e desbloqueando fondos.