A parlamentaria socialista Isaura Abelarias urxiu hoxe á Xunta que poña en marcha “canto antes” tódalas medidas necesarias para “frear o retroceso das mulleres en todos os ámbitos da vida” derivado da incidencia sanitaria, social e económica da pandemia. Así o dixo no debate do Plan de Traballo da Comisión de Estudo para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres, que se aprobou hoxe no Parlamento por unanimidade.
A responsable socialista saudou o amplo acordo deste plan de traballo, que incluíu a práctica totalidade das 44 comparecencias e 13 informes solicitados polos socialistas galegos, comprendendo ás responsables institucionais e representantes das asociacións galegas dedicadas ao traballo pola igualdade de xénero, así como representantes do mundo universitario, xudicial e sanitario.
Abelairas chamou a que o traballo da Comisión “non quede no papel” e instou a “demostrarlle ás representantes chamadas a comparecer nesta comisión que vexan a efectividade real do seu papel na vida social, económica e política con resultados que poidan palpar e plasmar en políticas públicas”.
Puxo o acento sobre o aumento do risco de violencia machista e outros tipos de violencia contra as mulleres derivado da situación de confinamento. Neste sentido, advertiu que a pesares do descenso das denuncias, si que houbo un notable incremento das consultas telefónicas, e alertou de que o goberno galego “debe estar preparado para as consecuencias desta pandemia no referido á violencia contra as mulleres, que as expertas aseguran que se verán pasado un tempo”.
Neste sentido, a Comisión recabará a presenza de responsables da unidade especial da policía que traballan con mulleres de violencia de xénero, de maxistrados que traballan en xulgados específicos de violencia de xénero ou da Rede contra a Trata. O PSdeG solicitou ademais informes sobre a afectación da pandemia nos protocolos de asistencia a vítimas de violencia machista e os datos sobre a evolución das denuncias e sobre os programas de prevención da violencia machista.
Fenda de xénero
Ademais, chamou a rachar coa fenda de xénero no ámbito laboral e económico, resultado da suma de discriminacións que as mulleres xa sufrían no mercado de traballo e que se agravou coa pandemia, polo que reclamou un estudo comparativo da situación laboral das mulleres. Engadiu que “a asignación de roles ás mulleres nun conxunto de profesións imprescindibles e feminizadas evidencian a necesidade de que os coidados formen parte da estratexia dos gobernos”.
Apunta que “as mulleres seguimos a encargarnos da centralidade das tarefas de coidados, realizando a maior parte do traballo doméstico e coidado de persoas dependentes, remunerado e non remunerado”. Sinala neste sentido que “para modificar estes comportamentos é necesario coñecer cal é a realidade das mulleres galegas na corresponsabilidade e na asunción dos coidados das persoas dependentes”.
Isaura Abelairas concluíu que as mulleres representan máis do 70 por cento do persoal sanitario, e son maioría en sectores do comercio de alimentación, do ensino e coidado infantil e dos servizos de limpeza, que se demostraron “esenciais para o mantemento da poboación”. A pandemia situou ás mulleres “na primeira liña dos contaxios”, ademais de afrontar “a maior parte do traballo doméstico e coidado de persoas dependentes” sufrindo “maior precariedade e pobreza laboral”.
Finalmente, esixiu “presenza equilibrada de mulleres en todos os centros de xestión da pandemia e en todos os lugares de toma de decisións acerca da saída desta crise, só así poderá garantirse unha visión feminista e a inclusión da perspectiva de xénero nas accións que se leven a cabo”.