A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, replicoulle hoxe ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen hoxe en Costa de Marfil confesou descoñecer os motivos polos que a “súa” rúa de Marín, Salvador Moreno, xa non tiña aquel nome. Burgo explicoulle ao presidente do Goberno que Moreno foi un militar golpista e ministro franquista.
A responsable socialista lembrou que a rúa deixou de chamarse así en virtude da Lei de Memoria Histórica “por moito que el prefira incumprila”, xa que declarou literalmente que “no sé por qué quitaron la calle. He vivido allí muchos años y le sigo llamando así”. Apuntou que este “descoñecemento” do presidente do Goberno supón “no mellor dos casos unha mostra de incultura, ou ben unha imprudente falta de sensibilidade”.
Burgo explicou que exemplos coma este “explican por que anulou a aplicación da Lei da Memoria Histórica, que prefiren paralizar para impoñer a desmemoria da dereita”. Censurou que o goberno central non teña feito “absolutamente nada pola Memoria Histórica nin para dignificar aos represaliados polo Franquismo”.
Considera “gravísimo” que “o presidente dun país que viviu 40 anos de ditadura por culpa dun atallo de golpistas, entre os que se atopa precisamente Salvador Moreno, non queira recordar quen foron”. Advertiu que “lamentablemente Rajoy e o PP están a demostrar un día tras outro onde están realmente ao esquecer deliberadamente o pasado franquista ou con feitos como defender a xestión do Pazo de Meirás pola Fundación Franco”.