O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta o reforzo de recursos educativos e sanitarios para garantir un inicio de curso seguro nas escolas rurais de Galicia. O responsable socialista alerta da imprevisión e o desleixo do goberno galego, sen medidas claras cando apenas faltan horas para o inicio das clases.
Seco reclámalle á Xunta “tomar medidas nos ámbitos educativos e sanitarios que eviten o colapso do medio rural coa chegada do inicio do curso escolar ante a situación xerada pola pandemia da covid – 19”. Alerta das “catastróficas consecuencias da xestión política da Consellería de Educación” e da súa “tendencia á concentración do alumnado”, de especial gravidade no contexto da pandemia do coronavirus.
Advirte que malia que na maior parte do rural galego si que existen espazos suficientes para poder reducir as ratios de alumnos, estes resultan ser inasumibles por canto “terían que vir acompañados dunha maior dotación económica do sistema educativo”. Ademais, a menor dotación de persoal sanitario, advirte, “imposibilita facer un seguimento, cribado ou rastrexo do virus de forma adecuada”.
Agrupación de alumnos
A realidade é que “ano tras ano diminúe o número de profesores, de aulas, de centros educativos e unidades”, como sucedeu neste mesmos 2020-21, coa supresión do EEI de Luaña –Brión-, ou a EEI de Comiáns –A Laracha-, e que Educación continúa agrupando alumnos e pasando de 14-16 a 25 en lugares como a Baña, Castro de Rei ou Melide, entre outros.
Apunta que, ademais, en moitos concellos os nenos e nenas conviven nun só centro, como é o caso de O Incio ou Castroverde-, co que un brote poñería en risco a tódalas familias do Concello con fillos ou fillas.