A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Noela Blanco, denunciou hoxe a “deriva sensacionalista” na TVG que, dixo, a ten situado “entre Sálvame e as mamachichos”. Denunciou así o tratamento “morboso” do crime machista de Valga, así como a cobertura “irresponsable” dun intento de suicidio deste verán en Ourense e a “deriva machista e discriminatoria contra as mulleres” na convocatoria dun cásting da programación da TVG.
Blanco criticou hoxe “a vergoñenta cobertura do crime machista de Valga, que se saltou tódolos principios deontolóxicos do xornalismo, primando o morbo á información, apartando o foco da violencia machista para converter aos telexornais en programas de sobremesa propios do século pasado”.
Advertiu que esta cobertura “incumpriu mesmo as recomendacións do seu propio Consello de Administración sobre o tratamento informativo da violencia machista”. A responsable socialista lembra que a recomendación IV do dito Consello sinala que “débese evitar a confusión entre o dereito de información e o interese da audiencia co morbo”, exactamente o contrario, dixo, do que fixo a TVG co “bochornoso” tratamento informativo do crime.
Blanco presentou hoxe unha pregunta parlamentaria sobre a cobertura dun intento de suicidio o pasado 25 de xuño dun rapaz de 30 anos na ponte nova de Ourense, facendo caso omiso de tódalas recomendacións para o tratamento responsable deste tipo de casos. A TVG ofreceu imaxes da faciana do rapaz, sen medir as consecuencias para el e a súa familia e facendo publicidade extra do medio que empregou no seu intento.
A parlamentaria socialista advirte que a TVG obviou as recomendacións do Colexio Profesional de Xornalistas, que recomenda quitar estas noticias de sucesos e dos titulares, evitar tratalas de forma simplista e banalizar o caso, así como non describir o método nin facer publicidade do escenario. Mesmo a OMS recomenda evitar describir o método usado, xa que esta “publicidade extra” provoca “aumentar o risco de que o utilicen máis persoas”.
Machismo
A responsable socialista preguntou ao director xeral do ente polo anuncio, o pasado 3 de agosto, dun cásting da TVG limitado exclusivamente a cociñeiros varóns para conducir un programa de cociña. Sen embargo, a propia TVG “buscou a primeiros de setembro familia con nenos de entre 2 e 18 anos, urbanitas” subliñando como requisito “a mamá sexi guapa, preocupada pola súa imaxe”.
Sen embargo, lamentou, estes só foron dous exemplos do “verán da desigualdade na TVG”, situada “entre Sálvame e as mamachichos”, lembrando ao grupo feminino de baile da televisión dos anos noventa.
Explicou que a televisión autonómica rematou a temporada de inverno “cun programa de maquillaxe para nenas”. Rematou ademais o verán cun programa especial da maternidade dunha presentadora o pasado 29 de agosto, que era cosificada en lugar de visibilizar profesionais recoñecidas no seu sector” seguindo a “tese de Gallardón de que a maternidade fai ás mulleres autenticamente mulleres”.