Elena Espinosa critica que o anuncio do presidente da Xunta carece de reforzo de persoal, o que vai multiplicar as esperas sanitarias e sobrecargar uns centros de saúde que xa están ao límite
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, advertiu hoxe que o Plan de Cirurxía Menor presentado no Consello da Xunta de onte carece de reforzo de persoal, co que só vai servir para sobrecargar aínda máis aos traballadores e traballadoras de Atención Primaria. Espinosa presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria para reclamarlle ao goberno galego que garanta o reforzo de persoal nos centros de saúde.
Espinosa acusou ao goberno galego de deixar “desamparados e orfos de apoio” aos profesionais sanitarios, aos que aboca a “non xa facer máis con menos, senón que teñan que facer máis con nada, e iso é absolutamente imposible”. Sinalou que a nova carga de traballo que suporá obrigalos a asumir cirurxías menores nos centros de saúde suporá “multiplicar aínda máis os 8 días de media de espera para unha consulta en Atención Primaria”.
Alertou de que os centros de saúde galegos están xa “sobrecargados” con “1 ou 2 médicos, que teñen que deixar o servizo descuberto cando están obrigados a acudir a un domicilio ou a unha urxencia”, polo que directamente “non contan cos medios humanos para realizar as cirurxías menroes”.
A responsable socialista urxiu ao reforzo de persoal “non somentes para cubrir as vacantes, senón que agora precisan de novos medios humanos para realizar esta actividade” que vén de anunciar o goberno galego.