O secretario xeral do PSdeG demandou á Xunta inversión e compromiso coa cidade de Vigo e puxo en valor o traballo feito polo alcalde: “un modelo municipal apoiado por toda a cidade e que reclama o xusto a Feijóo sen complexos”
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP sinala as “ausencias” e a “desatención tremenda” de Feijóo coa súa cidade: “acabaremos cubríndoo todo dende a cidade, porque a Xunta non exerce”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Vigo en compañía do alcalde, Abel Caballero, para abordar as relacións da Xunta co municipalismo e concretamente os compromisos pendentes da Xunta coa cidade olívica.
Dende o vigués barrio de Navia, o líder do PSdeG advertiu de que “a Xunta non pode enfrontar a reactivación económica de Galicia sen contar coas grandes cidades”. “A Xunta ten que chegar a acordos coas cidades e coa Fegamp, porque a reactivación ten que facerse contando coa Galicia máis vangardista, innovadora e dinámica”, subliñou. Asimesmo, denunciou que Feijóo “dá as costas ás cidades galegas”.
Gonzalo Caballero constatou que “Feijóo deu as costas a Vigo”, unha cidade á que “abandonou” ao non atender as súas necesidades en equipamentos sanitarios e educativos ou en materia de infraestruturas, nin tampouco as cuestións económicas. “Estamos perplexos de que a Xunta siga obviando ás cidades, e particularmente a Vigo, onde hoxe comparecemos”, remarcou.
Fronte a un Feijóo que “dá as costas” a Vigo e ás cidades, o secretario xeral contrapuxo o “modelo transversal e de proximidade” do alcalde olívico, que “traballa con toda a cidade detrás para sacar adiante os proxectos importantes” e que se enfronta “sen complexos” a Feijóo por “marxinar” a Vigo.
Como proba, Gonzalo Caballero referiu a “necesidade imperiosa” en Navia, un barrio no que viven milleiros de persoas, de contar cun instituto. Ao tempo, denunciou o “recorte” no proxecto de centro de saúde para o barrio de Bouzas.
MELLORA DAS INFRAESTUTURAS
Fronte a unha Xunta “sen proxecto” para esta cidade, o máximo dirixente do PSdeG destacou o compromiso do goberno de España coas infraestruturas de Vigo e a súa contorna.
De aí, dixo, a rebaixa das peaxes da AP-9, que era “unha demanda histórica” á que lle deu resposta un goberno progresista logo de que “o PP privatizara a autopista e prorrogara a súa concesión ata 2048”.
A iso sumou a conexión de Vigo coa alta velocidade, a saída sur ferroviaria e a conexión por autovía co Porriño, entre outras asuntos desatascados polo goberno de Pedro Sánchez, en contraste co “esquecemento” de Vigo por parte da Xunta con Feijóo e dos gobernos de Rajoy.
ABEL CABALLERO
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu este encontro co líder socialista para abordar cuestións sobre as que “charlamos moito con asiduidade” e que “Gonzalo coñece perfectamente porque está é a súa cidade, na que vive”.
Logo de que Gonzalo Caballero apuntara que esta semana o grupo socialista levará ao Parlamento a reclamación dun IES para o barrio vigués de Navia, o rexedor da cidade olívica criticou a “ausencia” e a “desatención tremenda” da Xunta con Vigo.
Proba diso, recalcou o alcalde, é que onte mesmo estivo Feijóo na cidade pero “non foi a Barreras, o maior estaleiro privado de Europa”, que agora mesmo atravesa dificultades. “As ausencias están aí”, resumiu, consciente de que a Xunta renunciou a “liderar” proxectos como o da fábrica de baterías, a planta de hidróxeno verde ou a fábrica de fotóns.
“Acabaremos cubríndoo todo dende a cidade, porque a Xunta non exerce”, recalcou Abel Caballero, quen deixou claro que “Vigo sairá adiante porque a esta cidade non hai quen a pare”.
Ademais, o alcalde apelou unha vez máis “á prudencia e ao sentido común” fronte á pandemia.