O secretario xeral chama a facer “unha barreira de contención” fronte a unha dereita “que se escandaliza por retirar ao ditador” do Val dos Caídos
Vilagarcía, 4 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou hoxe “unha farsa” que Feijóo fale da “centralidade política” do PP á vista das declaracións “inadmisibles e incendiarias” de Díaz Ayuso sobre a queima de igrexas e parroquias.
“O seu discurso de centralidade é falaz, porque milita nun PP en mans da ultradereita que se escandaliza por retirar ao ditador dun espazo concibido para a súa exaltación”, remarcou o líder do PSdeG, quen advertiu de que este tipo de actuacións “póñennos a todos en aviso do que é a dereita e a ultradereita”.
Por iso, durante unha visita a Vilagarcía horas antes de participar co primeiro ministro de Portugal, António Costa, no peche de campaña das eleccións lexislativas, Gonzalo Caballero situou aos socialistas españois e lusos como “a barreira de contención” fronte á dereita e á ultradereita, e como a referencia para “os avances e a xustiza social”.
PROBLEMAS NO SALNÉS
En paralelo, tras manter unha xuntanza coa plataforma de afectados polos problemas sanitarios no Salnés, Gonzalo Caballero criticou que os 10 anos de Feijóo á fronte da Xunta só serviron para “recortar e privatizar” a sanidade pública.
“Aumentaron as listas de espera, hai menos camas hospitalarias, o persoal está máis saturado…”, enumerou o dirixente socialista, quen lamentou esta situación nun país “con salarios e pensións máis baixas” que no conxunto do Estado e cunha poboación “máis envellecida”.
E, tras constatar que Feijóo “está dando as costas” aos veciños do Salnés, sinalou a sanidade pública como “unha prioridade” para os socialistas. “Cando haxa un goberno progresista na Xunta, garantiremos a calidade da sanidade pública”, asegurou.
Non se esqueceu Gonzalo Caballero dos problemas dos residentes na bisbarra arousá que, coma no resto de Galicia, sofren para pagar os libros de texto e o material escolar; e que padecen as dificultades derivadas da falla de prazas en residencias para maiores. “Mentres a Xunta pon trancas en vez de resolver os problemas”, criticou.
Finalmente, denunciou que o PP “está atrancando a renovación democrática” na Mancomunidade do Salnés, na que a cidadanía puxo unha maioría progresista tralas pasadas eleccións municipais. “E o PP non é o dono das institucións”, advertiu.
“AUTOBOMBO” DO CONSELLEIRO DE SANIDADE
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu a visita do secretario xeral para coñecer “de primeira man” os problemas dos afectados polas altas listas de espera no Hospital do Salnés.
E, de paso, o rexedor vilagarcián reprochou ao conselleiro de Sanidade que se desprazase á bisbarra para “facer autobombo” no Intecmar pero “non tivese tempo para atender a invitación do Concello para “ver o estado do ambulatorio de San Roque”, por exemplo.
“DOUS MESES SEN PEDIATRA”
A continuación, a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, lamentou a “falla de médicos” que padeceu o concello durante todo o verán, e denunciou que a día de hoxe a súa vila leva “dous meses sen pediatra”.
“Levamos tres requirimentos á Xunta, pero nin contestan”, manifestou, crítica coa “falla de respecto” que supón non só para o concello senón “para todos os veciños e veciñas de Meis”.