O secretario xeral destaca que España terá “un goberno sólido e cun proxecto de país que beneficia á maioría”
Castro Caldelas, 10 de xaneiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe a “irresponsabilidade” de Feijóo nas súas declaracións sobre a formación do goberno encabezado por Pedro Sánchez. “Perdeu o rumbo e a orientación política”, evidenciou.
Tras subliñar que o problema é “que non temos un goberno en Galicia que resolva os problemas dos galegos”, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo “quere facer de tertuliano”. Só así se explica, dixo, que sexa capaz de pasar de “aplaudir os tripartitos das dereitas cando cogobernan o PP e Vox a criticar aos gobernos progresistas que teñen unha axenda comprometida cos pensionistas, coas mulleres, coa igualdade de dereitos, co estado do benestar e coas liberdades políticas”.
“Ese cinismo de Feijóo hai que barrelo de Galicia electoralmente, de xeito democrático”, defendeu o líder do PSdeG, consciente de que “os galegos queremos gobernos progresistas que fagan avanzar e non tripartitos de dereitas manexados por Abascal e pola ultradereita con Casado e Feijóo como aplaudidores”.
“En España vai haber un goberno sólido, progresista, e cun proxecto de país que beneficia á maioría”, remarcou Gonzalo Caballero, para quen a liña de acción de Feijóo “non é coherente nin responsable” e que “non conecta co que pedían os cidadáns”. “Xogou a boicotear a formación dun goberno en España; dixo que non era posible facer goberno, que había que convocar as terceiras eleccións…”, recordou.
VISITA A TRIVES E CALDELAS
O máximo dirixente dos socialistas galegos fixo estas declaracións durante a súa parada en Castro Caldelas, no marco dunha visita ás bisbarras de Trives e Caldelas.
Alí mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa anfitrioa, Sara Inés Vega; coa rexedora de Trives, Patricia Domínguez; e os alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández, e Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Participaron tamén concelleiros, deputados e senadores socialistas da zona.
Nese marco, Gonzalo Caballero denunciou que “o PP abandonou á Galicia do medio rural”, ao non atender as necesidades dos pequenos concellos “de ter servizos, de ter inversións, de ter infraestruturas de sanidade e educación…”. Iso, engadiu, que Feijóo chegou a prometer que esta que agora remata sería “a lexislatura do rural”.
“Temos que poñer a prioridade na Galicia que se queda baleira”, advertiu Gonzalo Caballero, despois de criticar que “Feijóo abandonou ao rural”. “Hai que construír unha rede de actores municipais, de axentes económicos e de sectores primarios que xeren actuación estratéxica para desenvolver o rural, loitar contra o despoboamento e apostar polos pequenos concellos”, explicou.
Ao fío disto, o candidato socialista á presidencia da Xunta fixo fincapé en que “Galicia necesita unha vertebración territorial que impulse os escenarios urbanos e que aposte de maneira decisiva polo medio rural, para que calquera neno, con independencia de onde naza, teña os mesmos dereitos“.
Pola súa banda, a alcaldesa de Castro Caldelas agradeceu a visita “ao próximo presidente da Xunta”, un encontro que sinalou como “o inicio desa colaboración para tantas cousas que hai que acordar”. “Que veña a visitarnos e a oír as nosas inquedanzas é moi importante”, asegurou.