O secretario xeral presenta o informe da comisión de expertos sanitarios, que evidencia que en Galicia “non houbo anticipación á covid” e que a letalidade foi maior en Galicia que noutras comunidades dado a pouca circulación do virus
Santiago, 27 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe o informe da comisión de expertos sanitarios, que, entre outras cuestións, constata os retrocesos en materia de persoal, servizos, camas hospitalarias e orzamentos no sistema público de saúde dende a chegada de Feijóo á Xunta en 2009.
“Feijóo é o referente en recortes e ataques á sanidade pública”, concluíu o líder do PSdeG, ao tempo que avanzou o seu “primeiro gran compromiso” de cara ás eleccións do 12 de xullo: “abrir unha nova etapa de recapitalización da sanidade pública”. “Hai que facer unha aposta orzamentaria e pola contratación estable dos profesionais sanitarios para rearmar a nosa sanidade pública tras 11 anos de recortes e privatizacións”.
Despois de participar no minuto de silencio polas vítimas da covid convocado no Parlamento, Gonzalo Caballero explicou que o informe recolle o traballo dun comité configurado por medio centenar de expertos sanitarios e que recibiu achegas de diversos colectivos e profesionais, e do que forman parte María José Rubio, exconselleira de Sanidade, e Ramón Medina, ex director xeral de Saúde Pública.
Ese documento reflicte, como sinalou o máximo dirixente do PSdeG, que o goberno progresista na Xunta traballou entre 2005 e 2009 por “fortalecer o sistema sanitario público” e que agora “chegamos a esta crise” cun “retroceso inmenso” en materia de persoal, recursos e medios. Por iso, afondou, agora cómpre avanzar cara un modelo actualizado e “recapitalizar o Sergas, apostando polo capital humano, investindo en material, en protección, tecnoloxía” no Sergas.
ANÁLISE DOS DATOS
O informe dos expertos sanitarios tamén recolle “unha análise pormenorizada da pandemia”, como explicou o secretario xeral do PSdeG, quen indicou que “a evidencia non corrobora”, desgraciadamente, o intento de Feijóo de presentarse como alguén que “anticipou” a chegada da pandemia.
“O seu discurso cae”, proseguiu, á vista de que Feijóo anunciou a emerxencia sanitaria “tres horas despois” de que o presidente do goberno de España comparecese para anunciar o estado de alarma o venres 13 de marzo. “Declarou a emerxencia sanitaria logo de escoitar a Pedro Sánchez”, evidenciou.
Outro dos asuntos nos que se centra o informe dos expertos en sanidade é en que o virus circulou moi pouco en Galicia grazas ao confinamento decretado ao amparo do estado de alarma; un dato que reflicten os estudos epidemiolóxicos da Xunta e do Goberno de España.
Nesa tesitura, na que o índice de contaxios estimado sitúase entre o un e o dous por cento, en Galicia o nivel de falecementos é “considerable e significativo”, toda vez que faleceron máis de 600 persoas. “A taxa de letalidade é moito maior da que houbo en comunidades como Madrid se temos en conta o nivel de circulación do virus”, exemplificou Gonzalo Caballero.
É por iso que, ante o risco de rebrote, o candidato socialista á presidencia da Xunta explicou que os expertos coinciden na importancia de “rearmar” á sanidade pública a través de máis profesionais e con contratos estables, dunha nova estrutura para a saúde pública e de novos modelos para a atención primaria e as urxencias.
En paralelo, sinalan que cómpre apostar pola investigación e deseñar unha nova liña estratéxica no eido da saúde mental.