O secretario xeral reta a Feijóo a ordenar aos deputados galegos do PP que se absteñan no canto de “seguir coa campaña de ataque” a Pedro Sánchez
Patricia Otero chama a traballar para conseguir que Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente da Xunta
Lugo, 27 de xullo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, clausurou este sábado o congreso do que saíu a nova dirección do PSOE de Lugo, encabezada por Patricia Otero, cunha reflexión sobre a situación política que atravesa España. “Estase traballando arreo para desbloquear a situación”, valorou.
De feito, Gonzalo Caballero resaltou o “esforzo” do PSOE ao “abrir as portas á formación dun goberno de coalición por primeira vez na historia democrática de España”, e pediu “responsabilidade” a todas as forzas de esquerda á vista de que as tres dereitas “van seguir na loita”.
Ao fío diso, o líder dos socialistas galegos definiu a Feijóo como “un camaleón político”, unha persoa que “cambia de cor en función do que lle interesa”, cando agora fala de estudar as propostas do PSOE para absterse na investidura de Pedro Sánchez. Sobre todo, como sinalou, porque ao mesmo tempo, “aplaude” os pactos do PP con Vox en Murcia ou Andalucía.
“O mesmo día é capaz de dicir algo que non fan os seus deputados”, recriminoulle Gonzalo Caballero, quen retou a Feijóo a “dar instrucións aos seus deputados para que deixen a súa campaña de ataque a Pedro Sánchez” e “posibiliten a conformación do único goberno de España que é viable á vista dos resultados electorais.
Así, á vista de que “Feijóo non condena os pactos do PP con Vox alí onde lle dan os votos” e de que, ao mesmo tempo, é capaz de defender que se escoite ao PSOE, o máximo dirixente do PSdeG criticou a súa “estratexia de confusión á cidadanía” debido a que “ve que as contas non lle dan”.
A XUNTA NON É “O COUTO PRIVADO” DE FEIJÓO
Fronte a un Feijóo que “deixa unha Galicia que esmorece”, na que a poboación decrece e cada día está máis avellentada e na que tanto os servizos públicos como o emprego son cada vez de peor calidade, como apuntou Gonzalo Caballero, “o PSdeG está nunha etapa de fortalecemento” e con capacidade para facer “boa política”.
Por iso, o secretario xeral chamou a traballar arreo nos próximos meses, de cara ás eleccións autonómicas, para deseñar políticas que “redimensionen o país” e permitan un cambio político que dea “máis futuro” a Galicia e liberen á Xunta do “couto privado” no que a quere converter Feijóo.
FEIJÓO “XA TEN DATA DE CADUCIDADE”
Pola súa banda, Patricia Otero amosouse “moi emocionada” polo “grande equipo” de dirección co que contará o PSdeG na provincia de Lugo. “Quero agradecer o compromiso de todos e de todas”, resaltou, convencida de “traballar polo presente e polo futuro” do socialismo.
De feito, a nova dirixente do PSdeG-PSOE en Lugo marcouse como “reto” conseguir que Gonzalo Caballero sexa “o vindeiro presidente da Xunta” e poñer fin así ao “fracaso” que a década de Feijóo á fronte da Xunta ten representado para esta provincia e para toda Galicia.
Pero Feijóo “xa ten data de caducidade”, proseguiu, ao tempo que sinalou que “nós temos que traballar por e para os e as lucenses, e iso é incompatible con que Feijóo siga á fronte da Xunta”.
Por iso, tras facer un chamamento á “unidade interna”, Patricia Otero apelou a “traballar pola cidadanía” e combater “a ofensiva da dereita máis clientelar de España”. “Xa puxeron en marcha a maquinaria electoral e a desfachatez coa que confunden o goberno da Xunta co PP é o seu santo e seña”, reprobou.
“Hoxe, aquí, gañou o PSdeG, e todos xuntos e todas xuntas temos que poñernos a remar no mesmo sentido para levar o barco ao mellor porto. Porque Lugo ten futuro”, concluíu a deputada burelense, utilizando así o lema do congreso, antes de finalizar a súa intervención cun agradecemento pola confianza recibida.
COMISIÓN EXECUTIVA PROVINCIAL
A comisión executiva provincial do PSdeG-PSOE en Lugo estará integrada por Patricia Otero como secretaria xeral, e contará con José Tomé, o presidente da Deputación, como presidente da executiva e con Lara Méndez, alcaldesa da capital de provincia, como presidenta de honra.
Contará, entre outros membros, co alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo; a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e o concelleiro en Lugo Miguel Couto como vicesecretarios xerais; mentres que Juan José Díaz Valiño será o secretario de Organización e Pedro Durán se fará cargo da secretaría de Acción Electoral.