Adriana Lastra advirte de que “con un voto, se ponen o se quitan” servizos e chama a “rematar la jugada” do 28 de abril e poñer “alcaldes socialistas en todos los ayuntamientos”
Lugo, 16 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu este xoves a Lugo para, en compañía da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, participar no mitin central xunto con Lara Méndez, “a mellor alcaldesa que Lugo ten e que quere seguir tendo”.
Nese sentido, Gonzalo Caballero sinalou “a quen queren a Lugo” que “o voto para o avance desta cidade milenaria só ten unhas siglas e un nome”, as do PSOE e o de Lara Méndez. Por iso, engadiu, “coa forza das nosas siglas e da mellor alcaldesa, se nos mobilizamos, o día 26 celebraremos un éxito municipal rotundo”.
Será a segunda vez en apenas un mes en que Feijóo quede “descolocado”, como xa quedou ao ver como o PSOE é tamén en Galicia “o primeiro partido”. “Agora está sen rumbo”, observou, á vista das súas declaracións das últimas horas e de como está poñendo en marcha “unha estratexia electoral que é postureo” sobre a volta ao centro.
O Partido Socialista, en cambio, ten “a forza da xente”, tal e como asegurou Gonzalo Caballero, quen garantiu que “seguiremos traballando de xeito claro e continuo” para “gañar o futuro” tamén nos concellos despois do éxito electoral do pasado 28 de abril que “nos sitúa con máis deputados e senadores” que nunca.
“CON LA ULTRADERECHA, NUNCA”
Pola súa banda, a vicesecretaria xeral do PSOE falou tamén desa estratexia da dereita “que dice ahora que están centrados” despois de “cuarenta años viajando al centro” e a pesares da conivencia que amosan con Vox.
“Nosotros, con la ultraderecha, nunca”, asegurou a tamén voceira no Congreso dos Deputados, ao tempo que alertou de que se darán pactos da dereita e da ultradereita tralos comicios nos lugares onde lles dean as contas.
E esa decisión de “asumir los postulados de la ultraderecha”, como dixo Adriana Lastra, é o que está poñendo en risco, entre outras cuestións, “los derechos de todos” e os servizos públicos.
Por iso, recalcou que “con un voto, se ponen o se quitan bibliotecas y consultorios médicos” e chamou a “rematar la jugada” del 28 de abril poñendo “alcaldes e alcaldesas socialistas en todos os concellos.
Ao fío disto, a dirixente socialista definiu a Lara Méndez como unha rexedora de referencia e pediu o voto para que a cidade de Lugo siga avanzando.
LUGO
O encargado de abrir o acto, Álvaro Santos, secretario provincial do PSOE, apelou ao “lucensismo” para pedir o voto para facer que Lara Méndez siga sendo alcaldesa.
“Eliximos entre que Lugo siga sendo a cidade da que ninguén quere marchar e á que cada día máis xente quere vir”, recalcou, e chamou a “seguir medrando” e “facer unha cidade moito máis forte”.
Finalmente, a alcaldesa pediu o apoio da cidadanía para acometer “a segunda transformación de Lugo” e “seguir medrando con vistas ao futuro”. “Queremos que Lugo siga cambiando e avanzando”, apelou.
Nese sentido, explicitou a súa aposta por “unha economía verde” na cidade baseada na utilización da madeira para a construción. “Pero non queremos que pase o mesmo que co leite, que sendo os maiores produtores, o valor engadido está fóra”, sinalou.
A maiores, Lara Méndez falou da importancia de seguir promovendo o turismo e reivindicou que cada ano dedica “unha maior porcentaxe” para os servizos públicos, cuestións para as cales “nunca atopamos á Xunta coa man tendida”.