O secretario xeral critica “os cambios de criterio” de Feijóo, que un día “ataca con mentiras” a Pedro Sánchez e ao seguinte pide un pacto de goberno
Santiago, 14 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que Feijóo está evidenciando coas súas declaracións que está “descolocado” tralo avance na configuración dun goberno progresista en España. “Está moi frustrado porque ve que deixa de ter espazo político en España, porque Casado non o incorpora no lugar que lle gustaría, e tamén porque leva tres batacazos electorais seguidos en Galicia”, recalcou.
Ao fío disto, na rolda de prensa posterior á xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Gonzalo Caballero abundou nos “cambios de criterio” de Feijóo, que é quen de “atacar con mentiras” ao executivo socialista un día e, ao seguinte, pedir un pacto de goberno. Todo iso, como recordou, apenas tres días despois de que o número dous de Pablo Casado situase como “un labor patriótico” evitar un goberno presidido por Pedro Sánchez.
“Están sen rumbo”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen instou ao PP a dar a orde aos seus deputados no Congreso de “apoiar a investidura” de Pedro Sánchez no caso de que queiran facilitar a gobernabilidade de España. Sobre todo, como dixo, porque “é o mellor goberno para España e para Galicia” e o que obtivo “o apoio maioritario” dos galegos e dos españois en xeral.
Así mesmo, Gonzalo Caballero apuntou na comparecencia ante os medios de comunicación que a dirección do partido en Galicia trasladou “todo o apoio” a Pedro Sánchez nas negociacións que está levando adiante para conformar “un goberno progresista para España nucleado en torno ao PSOE, un goberno que respecte e defenda o marco constitucional e que responda á vontade progresista amosada pola maioría da cidadanía o pasado domingo”.
Ao respecto, o máximo dirixente do PSdeG destacou que os resultados en Galicia foron “moi satisfactorios” porque permitiron manter os dez deputados obtidos o pasado 28 de abril e un nivel de apoio superior ao 31%. Ademais, recalcou, a diferencia co PP de Feijóo é tan só do 0,6% a pesares de que a participación foi máis baixa que nas pasadas eleccións xerais. Outro dato positivo que reseñou foi “o plus” sobre o PSOE en España, que acadou un respaldo do 28%.
“Estamos mudando a historia da representatividade democrática en Galicia”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen incidiu tamén en que “a esquerda reborda o nivel de apoio da dereita en Galicia” en todas as convocatorias electorais que tiveron lugar este ano. “Estamos traballando ben e fortalecendo a alternativa en Galicia, o que deixa ao PP moi nervioso e sen rumbo”, concluíu.
NOMEAMENTOS
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG indicou que a executiva ratificou a súa proposta de que o presidente do partido, Xoaquín Fernández Leiceaga, sexa designado senador en representación da comunidade autónoma.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero anunciou que a alcaldesa de Betanzos, María Barral, será a vicepresidenta executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias. Fará, como dixo, “un magnífico tándem” co rexedor de Vilagarcía, Alberto Varela, quen presidirá o ente municipalista.