O secretario xeral visita Proxecto Home e reclama á Xunta que sitúe entre as “prioridades” a colaboración co terceiro sector
Val do Dubra, 21 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves as instalacións de Proxecto Home xunto co seu director, Ramón Gómez Crespo, dende onde reclamou á Xunta que sitúe entre as súas “prioridades” a colaboración económica “adecuada” das entidades do terceiro sector.
Nesa liña, antes de iniciar o percorrido polos distintos espazos da Comunidade Terapéutica de As Cernadas, situada no concello de Val do Dubra, o líder do PSdeG chamou a atención sobre a importancia de ter “un goberno galego con sensibilidade social e cun proxecto de país”.
Fronte ao “tacticismo” de Feijóo no referido á “súa carreira de promoción dentro do PP”, que ten derivado en “inacción” por parte da Xunta, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “Galicia necesita un goberno centrado nos problemas e nas necesidades dos galegos e das galegas”.
“Levamos case dous anos de lexislatura perdidos”, reprobou o secretario xeral dos socialistas galegos, crítico con que Feijóo “siga pensando en clave de PP ou de que vai facer cando se peche a súa etapa na Xunta” no canto de centrarse nos asuntos que realmente importan ao país.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero asegurou que o PSdeG ten posta a súa atención na calidade dos servizos públicos, que teñen sufrido “recortes” co goberno de Feijóo; na política forestal, para a que presentamos un paquete de cen medidas; ou na crise demográfica para a que o PP “non ten unha folla de ruta”, entre outros asuntos.
“Seguiremos dando atención e poñendo sobre a mesa os problemas dos galegos”, subliñou o líder do PSdeG, partidario de marcar “unha folla de ruta que permita un futuro máis próspero, con mellores servizos e con oportunidades para os mozos, sen que ninguén quede na cuneta”.
PROXECTO HOME
Nese liña de “traballar a pé de país” e preto das necesidades dos galegos enmarcou Gonzalo Caballero a visita realizada a Proxecto Home, durante a que estivo acompañado polo presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga; a secretaria de Políticas Sociais do PSdeG, Marina Ortega; e o voceiro de Sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torrado.
En declaracións aos xornalistas, o secretario xeral puxo en valor o traballo “encomiable” que fai esta entidade e, en xeral, todas as englobadas no denominado terceiro sector. Así é que reclamou que reciban unha dotación orzamentaria “axeitada”, en paralelo ao crecemento da economía e co incremento dos fondos públicos autonómicos.