O secretario xeral propón celebrar a próxima xuntanza de líderes “a tres bandas” para que haxa “un diálogo cruzado”, así como abordar a xestión dos fondos europeos “de forma eficiente” para conseguir máis recursos
O líder do PSdeG respalda ao sector industria mar e asegura que “todas” as prórrogas de concesións de dominio público marítimo-terrestre que tocaban “están sendo tramitadas con normalidade”
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a que “rectifique xa” a Lei de saúde de Galicia “antes de que un recurso frene a súa aplicación”, tal e como recomenda o Consello de Estado dados os “visos de inconstitucionalidade” desta norma.
En concreto, Gonzalo Caballero subliñou que o Consello de Estado evidenciou que a Xunta, a través desta lei, “asume competencias que non corresponden ás autonomías” e “cuestiona dereitos fundamentais” ao arrogarse a posibilidade de confinar ou hospitalizar e incluso de facer obrigatoria a vacinación.
Logo de recordar que o PSdeG xa advertira das dúbidas que xera esta lei, o líder socialista chamou a Feijóo a cambiar o texto. “A fuxida cara adiante que implicou a lei de saúde foi unha metedura de pata que mete a Galicia nun problema de inconstitucionalidade”, constatou.
“Pola garantía do estado das autonomías, pola mellor xestión da pandemia e por garantir os dereitos e liberdades de todos e todas, o presidente da Xunta debería empezar xa a rectificar o texto lexislativo”, sentenciou Gonzalo Caballero trala publicación de informacións sobre o informe do Consello de Estado.
Ademais, o xefe de filas do PSdeG defendeu “plenamente” o proceso de vacinación e considerou que “en Galicia e en España non existe ningún problema coas vacinas” cando ademais “o propio Feijóo recoñeceu” que “máis do 90%” das persoas chamadas a vacinarse están acudindo.
“O que hai que facer é moita pedagoxía e buscar procesos e sistemas de vacinación eficientes”, asegurou Gonzalo Caballero, quen pediu tamén que se conte co “persoal necesario” para poder levar a cabo o proceso de vacinación de toda a poboación. De feito, na xuntanza do pasado venres con Feijóo, xa lle trasladou a necesidade de incrementar os planteles para poder dispoñer o elevado número de doses que chegarán a Galicia.
A PRÓXIMA XUNTANZA, “A TRES BANDAS”
Precisamente sobre esa xuntanza, o máximo dirixente dos socialistas galegos instou a Feijóo a que a próxima sexa “a tres bandas” para que haxa un “diálogo cruzado” de todas as forzas con representación parlamentaria que permita “compartir propostas” cunha “mesa de acordo máis interactiva”.
Nesta liña, pediu ao goberno galego unha xestión “eficiente” dos fondos europeos Next Generation, xa que “aquel territorio que consiga executar os fondos con maior eficiencia durante os primeiros exercicios, terá máis opcións de captar máis fondos durante os seguintes”.
Doutra banda, o responsable socialista criticou o “acto protocolario e de cara á galería” en que Feijóo converteu o Consello da Xunta no que anunciou a candidatura dos 354 proxectos europeos, xa que foi só “papel mollado” porque “non implicou ningún tipo de aprobación de proxectos”.
“O que necesitamos agora é avanzar, profundizar e priorizar, e o PSdeG está disposto a respaldar todos os proxectos de financiamento europeo que sexan positivos para Galicia”, asegurou o responsable socialista, quen aproveitou para pedir ao presidente da Xunta que llos remita, xa que “a día de hoxe, os descoñecemos”.
COMPROMETIDOS CO SECTOR INDUSTRIA-MAR
Por último, o secretario xeral do PSdeG amosou o “compromiso pleno” do goberno de España co sector industria-mar, xa que é “importantísimo polo que representa para o emprego e a cadea de produción” en Galicia.
“Ao longo dos últimos días están existindo campañas baseadas en falsidades, bulos e mentiras, que intentan poñer en dúbida e meter medo a aqueles cidadáns que dependen do sector”, criticou Caballero, quen subliñou que “non se pode tentar embarrar o terreo xerando incertezas e inseguridades onde non as hai”.
Así, sinalou que “todas as concesións de industrias do mar en Galicia van ter todo o respaldo e se seguirán tramitando con normalidade”. De feito, incidiu en que “todas” as prórrogas de concesións en dominio público marítimo-terrestre que tocaban “foron dadas”.
O máximo dirixente dos socialistas galegos quixo diferenciar desta cuestión “o debate de ENCE”, xa que “a prórroga do PP á concesión foi xudicializada e serán os tribunais os que decidan a duración da prórroga da empresa en Pontevedra”. “O goberno de España asumirá o que diga a sentencia”, concluíu.