O secretario xeral require a Feijóo “compromiso coa sanidade pública, coa protección da cidadanía e cunha saída da crise que non deixe a ninguén atrás” e garante que o PSdeG seguirá traballando “para construír unha Galicia mellor”
Santiago, 31 de decembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a “despregar o paraugas da protección social” nun 2021 que debe ser “o ano da esperanza, da ilusión e da reconstrución” de Galicia tras un 2020 que foi “o ano máis duro que recordamos”.
Por iso, logo de mandar unha mensaxe de “agarimo” por cantos perderon a vida a causa da covid e a quen sofren ou sufriron a enfermidade, o líder socialista reclamou a Feijóo que despregue todas as capacidades que lle dá o Estatuto de Autonomía para “defender á xente”.
“Á hostalería, ao comercio, á cultura, á industria, aos desempregados”, enumerou Gonzalo Caballero entre os sectores máis afectados por esta crise, sen esquecerse do temor polo futuro que enfrontan os máis novos, do sufrimento das persoas maiores e dos riscos de aumento da desigualdade entre homes e mulleres.
Así pois, o máximo dirixente do PSdeG lamentou “a falla de rumbo e ambición” amosada por Feijóo no seu discurso de fin de ano, así como o insuficiente compromiso co público, en liña coa actitude do goberno neste ano e que se resume en “ausencia” e “inacción” ante os problemas da cidadanía.
Fronte a iso, Gonzalo Caballero volveu tender a man para cooperar na saída da crise e garantiu que o PSdeG seguirá traballando en 2021 “para construír unha Galicia mellor” e con “man tendida” en beneficio dos galegos e das galegas. Nesa liña, reclamou a Feijóo “compromiso coa sanidade pública, coa protección da cidadanía e cunha saída da crise que non deixe a ninguén atrás”.