O secretario xeral subliña a “preocupación” dos 105.000 veciños da terceira cidade de Galicia e advirte a Feijóo de que “solucionar” este “caos” é “a súa responsabilidade”
Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a Feijóo a “buscar todas as vías” para arranxar “a crise municipal que provocou o PP en Ourense” poñendo a Jácome á fronte da alcaldía, máxime no contexto actual de “risco sanitario” que derivou no peche da cidade.
“Estamos nun momento no que as administracións teñen que estar en bo funcionamento e con capacidade para facer fronte aos riscos da pandemia”, recordou Gonzalo Caballero, ao tempo que sinalou que os máis de 105.000 veciños e veciñas da terceira cidade de Galicia están hoxe “preocupados” pola situación de “caos” que se está a vivir no seu concello. “E vostede colocou ao alcalde de Ourense, así que vostede é responsable da crise municipal”, espetou a Feijóo.
Ao fío disto, o líder do PSdeG recordou que Feijóo “optou por manter o baltarismo na Deputación de Ourense” e non dubidou para iso en situar como alcalde “a quen consideraba letal”. Un ano despois desa manobra, incidiu, 24 dos 27 concelleiros reclaman a dimisión de Jácome e Feijóo admite que Ourense “non ten goberno”, motivo polo cal excluíu á terceira cidade de Galicia da súa misiva na que apelaba ao traballo conxunto fronte ao coronavirus.
“A situación de ingobernabilidade de Ourense é grave”, recalcou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que, nun momento no que “se mesturan o risco sanitario coa crise municipal”, cómpre ter “un goberno capaz”. Precisamente por iso, reclamou a Feijóo que “ten que posibilitar unha solución” que poña fin ao “esperpento” e á “incapacidade de xestión” nesta cidade.
“É A SÚA RESPONSABILIDADE”
Así pois, nunha intervención que comezou amosando a súa “solidariedade e apoio” aos ourensáns e ourensás ante as restricións no seu concello para frear o avance da pandemia, o máximo dirixente do PSdeG recalcou que “o PP colocou a Jácome” como alcalde e “provocou a crise municipal” que hoxe vive a cidade.
“No concello xestiónase a política social, de vivenda, de urbanismo, as axudas para educación… Solucionar o problema que vostede creou en Ourense é a súa responsabilidade”, advertiu Gonzalo Caballero a Feijóo, sen obviar que Jácome é “o único alcalde que puxo vostede nas sete cidades de Galicia”.
Finalmente, criticou o “cinismo sen límites” do PP ao falar de que debe gobernar a lista máis votada, que en Ourense é o PSOE e que non impediu tampouco que os populares gobernen Madrid “co apoio da ultradereita”. “O problema non é configurar maiorías de goberno, é que vostedes fixeron en Ourense un pacto contra natura que foi un fracaso estrepitoso”, concluíu.