O líder do PSdeG destaca que tras un ano de Ingreso Mínimo Vital xa hai 15.200 galegos e galegas que a perciben, máis que a Risga
O secretario xeral sinala que a reforma do modelo de pensións derrogará os recortes de Rajoy e garantirá a revalorización das pensións todos os anos coa suba do IPC
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, para abordar a situación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e a reforma do modelo de pensións que está impulsando o goberno de España para garantir a súa revalorización.
Ao termo do encontro, o líder do PSdeG chamou a Feijóo a “non tentar facer caixa co IMV” cando non destina a política social as partidas da Risga que agora están cubertas co pagamento do IMV posto en marcha polo executivo que dirixe Pedro Sánchez.
De feito, Gonzalo Caballero subliñou que “a Xunta ten que dedicar todos os fondos que aforra na Risga ás persoas máis desfavorecidas e vulnerables”, a través de “programas complementarios para evitar a pobreza e a desigualdade e para protexer ás familias”. Ao fío disto, propuxo que se teñan en conta factores como a pobreza infantil para “dar protección” aos galegos e ás galegas “con máis dificultades”.
“A Xunta debe complementar o Ingreso Mínimo Vital para aqueles cidadáns que o precisan”, reivindicou Gonzalo Caballero, logo de recoñecer a importancia da prestación implementada polo goberno de España como “unha garantía social que funciona ben e que se pode complementar desde as autonomías”.
Tanto é así, recalcou o máximo responsable do PSdeG, que hoxe en Galicia hai 15.200 perceptores do IMV pese a que entrou en vigor hai un ano. En cambio, subliñou, o último dato de beneficiarios da Risga non acada as 13.600 persoas a pesares de levar décadas en funcionamiento.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero urxiu ao executivo galego a que “dea unha solución” a aquelas persoas que percibiron, durante os últimos meses, as dúas prestacións e que priorice “as garantías sociais por riba de calquera risco” que implique a devolución dos fondos. “Isto é ao que Feijóo se comprometeu no Parlamento e nós imos a manter a presión para que así se faga”, sentenciou.
PENSIÓNS
En canto ao novo modelo de pensións, o máximo dirixente das e dos socialistas galegos puxo en valor o acordo co que o goberno de España “vai eliminar a chamada cláusula de sostenibilidade de Rajoy, que debilitaba a revalorización das pensións”, de xeito que os galegos e galegas “agora co goberno progresista van ter garantido por lei” a suba das pensións acorde ao IPC.
“Vaise eliminar o factor de sostenibilidade que levou a cabo o goberno do PP” e que supoñía “unha forma encuberta de poñer en dúbida esta revalorización”, recalcou. “O mecanismo permanente de revalorización permitirá fortalecer o sistema público de pensións e garantir a calidade de vida dos nosos maiores en Galicia”, enfatizou.
Por último, o dirixente socialista puxo de relevo o labor do executivo central ao garantir que “todos os pensionistas do noso país estean máis tranquilos cun goberno que aposta polo público” e “por unhas pensións que endexamais van perder capacidade adquisitiva”. “O acordo vai ser un gran avance”, concluíu.