O secretario xeral confía en que o Estado explore todas as posibilidades xurídicas para evitar ter que indemnizar aos Franco
Santiago, 18 de febreiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou hoxe que confía en que o Estado explore todas as posibilidades xurídicas para evitar ter que indemnizar á familia Franco polo mantemento dun inmoble que foi “espoliado”. Caballero sinala que, despois de que o goberno pleitease contra a familia Franco e gañase o xuízo da recuperación de Meirás, “ninguén pode dubidar da vontade e compromiso do goberno de España en materia de memoria democrática, pero os servizos xurídicos do Estado terán que ver o que poden facer e o que se pode gañar nos tribunais”.
“Aos Franco non habería que pagarlles nin un euro, xa se beneficiaron apropiándose do pazo durante décadas, pero teñen que ver os servizos xurídicos o que se pode facer”, subliñou o líder dos socialistas galegos, quen cre que os Franco xa recibiron dabondo ao poder usar durante décadas o Pazo de Meirás.
Así o dixo logo de poñer en valor o traballo realizado polo goberno que preside Pedro Sánchez para documentar o “espolio” do pazo por parte do ditador a fin de obter para o público a súa titularidade. “Sen o goberno de Pedro Sánchez, o Pazo de Meirás seguiría en mans da familia Franco”, subliñou.
Así mesmo, Caballero sinalou que é moi importante que o Estado siga traballando xuridicamente para facer firme a sentencia que pasa o Pazo de Meirás a mans do público, pois a familia Franco recurre para seguir mantendo o pazo.