O secretario xeral destaca que “a Galicia vaille mellor” co goberno de Pedro Sánchez, como proban a contratación das fragatas e o debate sobre a AP-9
Santiago, 22 de decembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu este sábado na apertura do Comité Nacional sinalando que Galicia é “a folla de ruta” desde partido, que ten como “meta” traballar para dar a esta terra “o cambio que necesita”.
É por iso que, como dixo o líder dos socialistas galegos, “temos que liderar o dinamismo e a forza de cambio” que existe na sociedade galega, “que xa está farta do control político asfixiante do PP”.
“Feijóo mantén que a estabilidade que el representa é o mellor para Galicia, pero só é a estabilidade da agonía, da perda de peso e da perda de oportunidades de futuro. Unha estabilidade que é penosa para os galegos e as galegas, na que nada se move”, sentenciou Gonzalo Caballero, convencido de que “Galicia necesita algo máis”.
Sobre todo, como recalcou o secretario xeral, porque “fronte ao discurso oficial, que é un traxe a medida de Feijóo”, Galicia hoxe “perde poboación e perde pulo” mentres os servizos públicos se deterioran.
Caso paradigmático é o da xestión da sanidade pública, na que Feijóo ten “suspendido” tras anos de “privatizacións e recortes” e de “precarización” do emprego dos seus profesionais. “A sanidade pública é a nosa prioridade”, defendeu Gonzalo Caballero, non sen reclamar “un presidente que aposte” por este servizo fundamental.
GALICIA NO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG puxo o foco en que, durante os anos de goberno da dereita no Estado, Feijóo “non foi capaz de poñer a Galicia no Consello de Ministros”. Contrapuxo entón como o goberno socialista ten aprobado a inversión de 4.325 millóns de euros en Ferrol ou ten permitido o debate sobre o traspaso da AP-9.
“A Galicia vaille ben con este goberno”, proclamou o secretario xeral, quen animou a “coller orgullo e forza” para, “sen caer en triunfalismos”, defender a xestión de Pedro Sánchez. Ao fío disto, xunto coas cuestións específicas de Galicia, recordou a suba das pensións, do soldo dos funcionarios e do salario mínimo interprofesional, a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil ou a volta á sanidade universal.
Por todo isto, Gonzalo Caballero subliñou que é necesario promover “un cambio de ciclo” en Galicia, sen esquecer que as enquisas prognostican a perda da maioría absoluta do PP. “Non nos preocupa se Feijóo se volve presentar ou non, nos preocupa Galicia”, sentenciou.
“BOA XESTIÓN MUNICIPAL”
Tras destacar a “axenda social” que caracteriza a acción do goberno de Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero apuntou tamén que “os socialistas somos sinónimo de boa xestión municipal” alí onde gobernamos.
“Facemos políticas para a maioría e temos a capacidade de transformar a realidade do país”, engadiu o secretario xeral do PSdeG, quen contrastou “as políticas clientelares” da Deputación de Ourense, a única que goberna o PP, co traballo en prol dos veciños e as veciñas que pon en marcha o PSdeG.