O secretario xeral abordará “os retos de futuro” coa militancia nunha rolda de visitas ás agrupacións e avanza unha potenciación do laboratorio de ideas
Santiago, 16 de xullo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega na que se avaliaron os resultados electorais do pasado domingo e na que se acordou unha folla de ruta para “abrir o partido á sociedade” e “rexenerar o proxecto e as ideas” no camiño de reconectar coa maioría progresista.
“Estamos reflexionando sobre como revitalizar o partido e sobre como abrir as portas da organización con maior intensidade”, explicou o líder dos socialistas galegos en declaracións aos medios durante o transcurso da reunión, ao tempo que avanzou “unha oposición leal e crítica” ao PP de Feijóo unha vez arranque a lexislatura.
Despois de sinalar que cumprirá coa súa responsabilidade á fronte do PSdeG e no Parlamento de Galicia, Gonzalo Caballero indicou que abordará en primeira persoa “os retos de futuro” coa militancia a través dunha rolda de visitas ás agrupacións.
Do mesmo xeito, avanzou unha potenciación do laboratorio de ideas do PSdeG para “coller ideas” e establecer un maior vencello co tecido social e “conectar coa realidade do país do mellor xeito”. “Temos que traballar a carón dos galegos e das galegas, abertos á cidadanía”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG.
A maiores, Gonzalo Caballero afondou en que “temos que trasladar o noso perfil galeguista con maior nitidez e claridade” para amosar o noso “compromiso con Galicia” e “conectar co electorado moderado”. “O avance que conseguimos o domingo non o foi na medida que queríamos, e hai que seguir traballando”, remachou.
Ao respecto, o secretario xeral do PSdeG sinalou que esa é a liña de acción acordada pola Comisión Executiva Nacional Galega para “dar forza ao partido en momentos de dificultade”.