A ministra de Traballo pide “movilización” para evitar que as dereitas e a ultradereita “reediten el tripartito” que formaron en Andalucía
Ferrol, 22 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que o partido chega á cita coas urnas do domingo “cos deberes feitos” para dar aos concellos de Galicia “os mellores gobernos municipais”.
“Somos a referencia do municipalismo”, resaltou o líder dos socialistas, quen, en compañía da ministra de Traballo, Magdalena Valerio, acudiu a Ferrol para respaldar a candidatura que encabeza Ángel Mato.
Co aval de que o PSOE xa foi a primeira forza de España e de Galicia nas recentes eleccións xerais, Gonzalo Caballero chamou á cidadanía a participar nestes novos comicios e a apostar polo “avance” dos seus concellos.
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG contrapuxo o feito de que o PSdeG vai medrar en apoios nas eleccións do domingo co “varapau sen precedentes” que recibiron o PP e Feijóo o pasado 28 de abril e que fai prognosticar outra derrota nas urnas.
Sobre todo, como indicou Gonzalo Caballero, porque “a maioría dos galegos e das galegas rexeitan eses pactos coa ultradereita” que o presidente da Xunta saudaba, ao igual que a súa política de “recortes e privatizacións” nos servizos públicos.
FERROL
En clave local, Gonzalo Caballero destacou que “o futuro de Ferrol” chegará da man de Ángel Mato, un home “preparado” e “capacitado” para abrir “unha nova etapa de progreso” nesta cidade.
Tamén a ministra expresou o seu apoio, e o de todo o goberno, ao candidato socialista, ao tempo que pediu “movilización” para evitar que as dereitas e a ultradereita poida “reeditar el tripartito” que formaron en Andalucía.
Ademais, como fixo nunha longa axenda que a levou por Ourense, Pontevedra, Ames e As Pontes antes de chegar a Ferrol, comprometeu que a política social seguirá sendo “la prioridad” do goberno encabezado por Pedro Sánchez.
Pola súa banda, Ángel Mato recordou o compromiso do goberno socialista coa cidade, que concretou non só na política social posta en marcha senón tamén na inversión de 4.325 millóns de euros para construír cinco fragatas e, con iso, xerar máis de 7.000 empregos.
No que atinxe á súa xestión, o candidato socialista avogou por “romper o monocultivo industrial” de Ferrol co sector naval e por “traballar para conseguir máis e mellor emprego” e, así, xerar “máis benestar” e “deixar de perder poboación”.
“Temos un proxecto pensado para as persoas e, se logramos o mesmo respaldo que obtivo Pedro Sánchez, traballaremos para cambiar Ferrol aproveitando todo o seu potencial”, concluíu o candidato.